“O ensino que queremos” artigo de Xaquín Bermello

Xaquín Bermello é militante de Galiza Nova na Coruña, Responsábel de Ensino de Galiza Nova e activista estudantil en Erguer. Estudantes da Galiza. Neste artigo reflexiona sobre os ataques ao ensino, a privatización do mesmo e o desgoberno do Partido Popular na Galiza, así como a necesidade de ter un ensino propio galego, construído por e para nós.

Que políticas promove o goberno de Feijoo cando a panacea a longo prazo é unha diminución do investimento en I+D+I, a precarización do sistema educativo e da xuventude traballadora, e o desmantelamento do tecido produtivo galego? Que sorte de espiritismo é o que fai que o PP na Xunta alardee dun frutífero goberno cando os orzamentos para áreas sociais están estancados? Que fan para parar a emigración da xuventude galega? A resposta a esta última pregunta podía ser fai uns anos que “estase creando unha xuventude moi preparada”, mais a situación laboral non mellorou, e a educativa empeorou. Que poden alegar agora que as súas políticas puxéronlle a toda a comunidade educativa en contra?

Isto non resulta extraño ao constatar como o Partido Popular, a través da Consellería de Educación, está a desmantelar o tecido rural…

Só no último ano sufrimos unha serie de novos ataques contra un ensino público xa de por si deteriorado, que comeza a caracterizarse polos seus problemas de funcionamento. Isto non resulta extraño ao constatar como o Partido Popular, a través da Consellería de Educación, está a desmantelar o tecido rural, como nos pon de manifesto a recente supresión unilateral de diversos centros de ensinanza, creando unha situación de desamparo para as familias e supoñendo un mazazo para o ensino público ao non repoñer as prazas de profesorado e ao impedir ao estudantado continuar os seus estudos no centro máis próximo ao seu fogar. Estas accións gravan a calidade da educación que recibimos, xa que acelera o proceso de aumento da ratio de alumnos por profesor que levamos sufrindo dende fai anos, fomentado tamén pola non reposición das prazas do profesorado.

No último curso tamén tivemos que aturar o aumento das subvencións de diñeiro público a centros concertados. Aumento que ven sendo continuado no tempo dende o 2011 en contraste cos recorte sufridos no ensino público, alegando a necesidade de adaptarse á crise económica. Non só iso, senón que se lles conceden premios, como o que o Concello de Vigo, gobernado polo PSOE, outorgou a dous centros concertados da localidade que segregan aos seus alumnos por razóns de xénero. Dende Galiza Nova non podemos pasar por alto esta directrices que o PP e o PSOE -a través de Concellos, da Xunta e do Goberno de España- e o capitalismo -coa súa preferencia do privado antes que do público- toman de maneira unilateral como se o monopolio do sistema educativo pasase unicamente polas súas mans.

É e que estes centros privados ou concertados que habitualmente eran os baluartes de modelos retrógrados e celosos protectores da ensinanza con forte carga católica, van ter grazas á LOMCE unha forte competencia no público, xa que a configuración de horas das materias de 2º de BACH crean situacións nas que o cupo de horas tan só pode ser cuberto escollendo “Relixión”. Aínda que este tan só é un de tantos problemas que deu a LOMCE no último curso académico, e que a pesar da enorme oposición da comunidade educativa e da constatación da incertidume que xera en estudantado e profesorado, vai continuar adiante.

Unha Lei configurada en clave social e nacional. Unha Lei Galega de Educación que responda ás necesidades do ensino no mundo actual, pero estruturado por e para Galiza.

En contraposición, dende Galiza Nova, pulamos por construír un ensino netamente público e galego, sen imposicións do Goberno de España (ou dos seus fieis servos que actualmente habitan a Xunta), nin de intereses económicos: un sistema educativo que se rexa por unha Lei que atenda as necesidades galegas, tanto de índole cultural e lingüística, como xeográficas e demográficas, que sexa accesible para toda a poboación e na que se respecte a igualdade de xéneros e a laicidade, así como o fomento de mentes críticas. Para que isto se leve a cabo consideramos que é indispensable esta Lei que permitirá a derrogación da LOMCE, poñer fin ás subvencións a centro non públicos, recuperar os centros que foron pechados e ao seu profesorado, recuperar o galego como base para o futuro, quitar dos programas a relixión recuperando a importancia perdida do estudo das Humanidades e Ciencias Sociais. Unha Lei configurada en clave social e nacional. Unha Lei Galega de Educación que responda ás necesidades do ensino no mundo actual, pero estruturado por e para Galiza.