O Estado español sentenza de morte a Ría de Pontevedra

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente acaba de conceder a ENCE unha prórroga de 60 anos para a súa permanencia na Ría de Pontevedra, cun prazo adicional por enriba dos 50. A suposta xustificación esgrimida son os empregos creados pola empresa e o forte investimento que planea para a súa planta de Lourizán.

O goberno español vén de asinar a sentenza de morte da Ría de Pontevedra. E cabe destacar que esta prórroga está a ser concedida polo goberno en funcións do Partido Popular; unha decisión que decidiron non tomar en plena campaña electoral polas consecuencias que puidera ter e que toman agora, sendo o relevante que é, a través dun goberno en funcións. Todo un negocio para o PP e para os seus cargos públicos recolocados no Consello de Administración de ENCE, o cal condiciona estes privilexios outorgados a unha empresa privada.

ENCE-fotos-novas-02-855x1030De novo, insisten ENCE e mais o goberno español en meternos con calzadeiro a xustificación da creación de emprego e do investimento na mellora do impacto visual e ambiental, escusas moi afastadas da realidade.

A empresa papeleira crea cada vez menos emprego con respecto ó que creaba nos seus primeiros anos en Lourizán, e por se fora pouco destruíu moreas de postos de traballo nos sectores pesqueiro, marisqueiro ou turístico, inutilizados ante a implantación de ENCE nunha zona que lle gañaba terreo ó mar e que impediu e segue a impedir o desenvolvemento destes sectores na nosa Ría.

Por outra banda, calquera investimento en melloras medioambientais non é suficiente: a única solución para sandar a Ría de Pontevedra é iniciar a recuperación dese espazo canto antes, liberándoo por completo de verteduras e emisións á atmosfera.

Asemade, ENCE nin tan sequera se molesta en incluír entre as súas baleiras promesas algunha referencia a unha das maiores aberracións que está a cometer no noso país: a creación de monocultivos de eucalipto que atentan contra a biodiversidade dos montes galegos e contribúen ós constantes incendios que torturan a Galiza.

Problemas para a saúde, emisións, fumigacións letais para as abellas, incendios, verteduras, malos cheiros, irreversíbel destrución das capacidades produtivas da Ría, aberracións paisaxísticas, imposibilidade de recuperar empregos sostíbeis que xestionen de xeito razoábel os recursos do ecosistema fluvial, a total falla de oportunidades para o restabelecemento da praia de Lourizán: isto e moito máis é o prezo que ten que pagar a veciñanza da comarca de Pontevedra por vernos sometidas ás decisións interesadas dun goberno en funcións.

enceO futuro da mocidade pontevedresa e galega está a ser condenado, e dende Galiza Nova non o pensamos aturar. A mocidade combativa enfrontarase de novo ó goberno español, e a nosa voz escoitarase nas rúas, xunto á de todas as galegas e galegos que cremos nas oportunidades sustentábeis para a nosa Ría.

Adiante! A Ría é nosa e non da celulosa!