Rebeca Cambeiro, Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova

“O feminismo que vén” artigo de Rebeca Cambeiro

Rebeca Cambeiro, Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova

Construír feminismo para mudar o mundo pasa obrigatoriamente por dubidar do reparto da riqueza, da produción, da distribución e do consumo. Este cuestionamento é cada vez máis necesario nun momento no que a pobreza na crise estrutural da actualidade ten cara de muller: desemprego de cada vez máis longa duración, precariedade e fenda laboral, desmantelamento dos servizos públicos, mercantilización até a última fronteira, falta de mecanismos para a posta en valor e dignificación das tarefas non asalariadas e políticas públicas que fomentan a volta das mulleres ao espazo privado e á dependencia económica.

Malia que as mulleres son maioría no espectro da forza de traballo, a situación non se reflicte así na súa representación como posuidoras da recompensa directa desta. As propostas neoliberais e reformistas non poden reverter esta realidade, pois están baseadas nunha idea hexemónica capitalista da economía e o traballo, e na insuficiencia dun marco meritocrático que non transforma o estado de cousas nin resolve as demandas feministas.

Así, nos últimos meses presenciamos masivamente unha gran contradición materializada en forma de camisola: grandes marcas coma Dior, seguida doutras máis low-cost de Inditex, comezan a vender prendas de roupa e accesorios con consignas feministas (“We all should be feminists”, “Feminist”, “The future is female”, “Feminism. The radical notion that women are people” etc.)

As adaptacións prácticas e discursivas da cara máis voraz do capitalismo son dunha magnitude e intensidade inconmensurábel. Desta volta conseguiu que un movemento transformador como é o feminismo, se “subise á pasarela” literalmente. Mentres que as feministas traballaron e traballan arreo dende fai décadas para frear a promoción dun canon de beleza inhumano e tirano, así como para mellorar as condicións de vida e traballo de milleiros de operarias explotadas nas cadeas de produción involucradas no proceso, unhas das empresas que máis peso tiveron na expansión desta opresión comeza a mercantilizar as nosas propias reivindicacións. Así, nos últimos meses presenciamos masivamente unha gran contradición materializada en forma de camisola: grandes marcas coma Dior, seguida doutras máis low-cost de Inditex, comezan a vender prendas de roupa e accesorios con consignas feministas (“We all should be feminists”, “Feminist”, “The future is female”, “Feminism. The radical notion that women are people” etc.). Debemos, polo menos, desconfiar cando un sistema que nos quere individualistas e non solidarias, inseguras e non libres, caladas e non insubmisas, pon de súpeto nos seus escaparates, á disposición da poboación, lemas con significados radicalmente opostos ao que estas empresas e o sistema patriarcal en xeral representan.

O paradigma está aberto. Presenciamos unha resignificación do feminismo, un “feminismo take-away”, como ben nomearon fai pouco as compañeiras da Revista Revirada. Artellouse á perfección a unión do desprestixio a calquera forma de organización, a tendencia abrumadora ao individualismo e os ritmos de vida impostos que aumentan as dificultades de sermos suxeitos militantes, para construír un novo feminismo que non teña reivindicacións colectivas nin unha presenza real e activa na rúa.

O feminismo importa porque o patriarcado atravesa as nosas vidas e absolutamente todos os espazos nos que nos movemos, por iso é relativamente sinxelo comezar a mudar comportamentos na nosa realidade máis próxima, mais o paso a organizarse e entendelo como colectivo é o realmente difícil e precisa dunha conciencia que vai máis alá da propia persoa e das súas necesidades.

Ligado a estas reivindicacións individuais, aparece o que está a ser un dos debates máis en auxe na actualidade na nosa sociedade e que nada ten de inocente. Os ventres de aluguer (ou xestación subrogada, empregando termos máis asépticos), esa gran alusión ao desexo (que non dereito) individual de ter descendencia. Quitando do debate toda a mistificación construída arredor dos embarazos, toda sacralización puritana dos órganos sexuais femininos, a concepción acultural do que é ser nai e os postulados moralistas máis conservadores en canto á bioética, quédannos as condicións materiais da realidade na que nos tocou vivir. E estas condicións non son outras ca pobreza e desigualdade. Un dos argumentos pro-ventres de aluguer susténtase na referencia á liberdade por facer cos nosos corpos o que queiramos, mais é complexo discernir que decisións son libres e cales non cando os condicionantes socioeconómicos directos e indirectos son tan fortes. Precisamente por iso a face altruísta da cuestión, a parte que se supón que faría de xestante sen ser por necesidade económica, pesa moito menos na balanza que a parte que o faría pola compensación derivada do proceso. En resumo: non se pode confiar na xestación subrogada altruísta e libre sen erradicar antes a pobreza e as desigualdades.

Todo o que puidese ter de revolucionario este tipo de xestación dilúese ao ver que arredor do tema xorden premisas como a da esixencia racista de que a xestante teña unha serie de fenotipos asociados ás persoas brancas, a concepción do desexo de transmisión xenética, ou a de prácticas obstétricas para a programación e control do embarazo como é a cesárea e os ingresos nas clínicas durante meses. Nun período moi curto de tempo púxose o foco na regularización destas prácticas, mais non se fixo o mesmo con outras como axilizar ou modificar a normativa en canto a adopcións ou presionar socialmente para que unha parella de mulleres lésbicas poidan ter crianzas ao seu nome.

É innegábel que precisamos volver a pensar e reformular o modelo de familia alén do normativo. Mais este novo modelo ou formas de relacionamento deben ser para todo o mundo, non só para quen teña a capacidade adquisitiva, tal e como se está a ver nos medios de comunicación. É moi significativo que ata as capas máis reaccionarias e tradicionalistas se posicionen a favor da xestación subrogada, cando por defecto critican todo o que saia da norma. Todo o que puidese ter de revolucionario este tipo de xestación dilúese ao ver que arredor do tema xorden premisas como a da esixencia racista de que a xestante teña unha serie de fenotipos asociados ás persoas brancas, a concepción do desexo de transmisión xenética, ou a de prácticas obstétricas para a programación e control do embarazo como é a cesárea e os ingresos nas clínicas durante meses. Nun período moi curto de tempo púxose o foco na regularización destas prácticas, mais non se fixo o mesmo con outras como axilizar ou modificar a normativa en canto a adopcións ou presionar socialmente para que unha parella de mulleres lésbicas poidan ter crianzas ao seu nome.

Precisamos urxentemente construír feminismo. Feminismos das marxes, inclusivo coas identidades e sexualidades non normativas, antirracista, para as clases populares, con conciencia nacional, internacionalista e sen medo ao debate. Precisamos construír feminismo para sobrevivir, para transformar a sociedade nun lugar xusto onde non nos asasinen nin nos agredan, onde sexamos visíbeis e diversas.