O noso orgullo é a nosa loita

O día do Orgullo LGTBI naceu en conmemoración do enfrontamento que tivo lugar en New York hai xa case 50 anos. No medio dun clima de gran represión policial, mulleres trans negras e drag-queens puxéronse en pé fronte ás forzas da orde que pretendían limitar os seus dereitos, iniciando así a historia moderna occidental de reivindicación do colectivo LGTBI.

Non obstante, a pesar de que foi o colectivo trans o primeiro en poñerse en pé na defensa dos nosos dereitos, continúa a soportar unha transfobia asasina. A OMS vén de anunciar que lle retira a cualificación de enfermidade pasando a denomininala “incongruencia de xénero”, realizando unha vez máis, un lavado de cara que está lonxe de supor un avance real.

A loita polas nosas liberdades sexuais vai da man da loita feminista, da loita nacional e da loita de clase. Non podemos entender un día do Orgullo no cal non poidamos esixir tamén o noso orgullo de sermos mulleres libres que loitan por unha vivir nunha Galiza ceive. Tampouco podemos concibir que esta xornada pase a ser unha máis dentro do calendario do capitalismo. Non imos permitir que baixo a nosa bandeira se sitúe o liberalismo, coma cando defende os ventres de alugueiro como un dereito dos homes gais cun alto poder adquisitivo a costa de someter ás mulleres pobres a arrendar o seu corpo. Como colectivo non nos representan eventos como o festival de Eurovisión, aparentemente recoñecido como unha celebración da diversidade, no cal se realiza un lavado de cara a actuacións coma as que está a desenvolver o estado de Israel, responsable dun dos maiores xenocidios da historia da humanidade. Non nos valen as reivindicacións feministas e LGTBI de quen ten as mans manchadas co sangue do pobo palestino.

Cómpre lembrar que todo isto se enmarca dentro da violencia estrutural do sistema, un sistema que protexe a partidos políticos e organizacións LGTBIfóbicas e as financia con diñeiro público. Un sistema que fai oídos xordos ás demandas do colectivo e se nega a desenvolver a Lei Trans Galega que defenda os dereitos das persoas trans.

Non nos vale este sistema corrupto, queremos rachar con el para asentar a nosa república na que sermos libres. Estamos orgullosas da nosa sexualidade e da nosa identidade de xénero. Queremos vivir nunha Galiza soberana, onde se respecten todos os nosos dereitos, sen vérmonos atacadas por ser trans nin por ser lésbicas. Seguiremos en pé loitando ata estarmos libres de toda explotación.

O NOSO ORGULLO É A NOSA LOITA!