“O pobo catalán gañou de novo”, artigo de Navia Rivas

Navia Rivas é integrante da Dirección Nacional e Responsábel de Internacional en Galiza Nova.

A xornada electoral do 21-D veu a demostrar unha vez mais que mesmo nun contexto particularmente difícil como é o que estamos a vivir e nunha situación de anormalidade e represión por parte do estado español, o pobo catalán mostrou de novo a súa vontade de ser libre e constituírse nun estado soberano. O independentismo catalán conseguiu a maioría absoluta no Parlament nas eleccións con máis participación da súa historia, rozando o 82%. En conxunto, ERC, JpC e CUP suman 70 escanos dos 135 que ten o Parlament.

Porén, non esquezamos que estas eleccións do 21-D non foron unhas eleccións normais. Foron convocadas polo presidente do estado español como parte da intervención na máis alta institución de Catalunya e en contra do que o pobo catalán decidira democraticamente nas urnas o pasado 1 de outubro. A isto súmase o silencio da Unión Europea ante os continuos intentos de atemorizar a poboación e decisións da Xunta Electoral que deberían ser sancionadas por iren en contra dos máis básicos valores democráticos.

Os órganos xudiciais están politizados e ó servizo do partido no Goberno. Mesmo así, e aínda sendo preocupante o avance de Ciudadanos, as forzas unionistas do 155 non foron quen de lograr maioría parlamentar para impoñer a súa vontade e, tal como declarou a vicepresidenta do goberno español, aniquilar o proceso independentista catalán.

Como sabemos, estas eleccións tiveron lugar despois dunha fonda de represión policial, sentenzas xudiciais ditadas ad hoc, candidatos na cadea, a disolución da autonomía, intervención na radio e televisión públicas e mesmo un presidente da Generalitat no exilio. Incluso se prohibiu a cor amarela pola Xunta Electoral e houbo intervencións en páxinas web e multas económicas para silenciar a certos colectivos. Neste proceso electoral tamén se permitiu que grupos de ultradereita actuasen con total permisividade e apoiasen publicamente candidaturas unionistas.

Definitivamente, no estado español non hai separación de poderes nin independencia xudicial. Os órganos xudiciais están politizados e ó servizo do partido no Goberno. Mesmo así, e aínda sendo preocupante o avance de Ciudadanos, as forzas unionistas do 155 non foron quen de lograr maioría parlamentar para impoñer a súa vontade e, tal como declarou a vicepresidenta do goberno español, aniquilar o proceso independentista catalán. Por outra banda, a “equidistancia” de Catalunya En Comú Podem demostrou unha vez máis ser un espazo inestable, que non soubo dar unha resposta contundente e satisfactoria ó conflito, e deixouse ver como un dos alicerces do réxime do 78, que intenta vender unha suposta ruptura para que no fondo nada estrutural nin relevante mude.

Neste proceso o estado español quitou a máscara e mostrouse como o que sempre foi: un estado antidemocrático, autoritario e represor onde está permitido usar a violencia para defender os intereses dos seus dirixentes ó servizo do capital. Só nun estado destas características ten cabida a serie de detencións do goberno lexítimo catalán, o secuestro de urnas e papeletas, a violencia e as cargas policiais no 1-O, etc. O estado español é irreformable, e a única maneira de rachar co réxime do 78 pasa actualmente polos procesos de emancipación nacional das nacións sen estado. Este é o único debate que cuestiona o sistema no estado, onde a chamada esquerda española non fai máis que actuar como outro dos piares para garantir que nada cambie.

Neste contexto, a maioría absoluta independentista constata que mesmo despois de toda a represión á que foi sometido o pobo catalán nos últimos anos e, máis brutalmente, nos últimos meses, non se apaga a súa vontade clara de decidir por si e acadar a plena independencia como estado soberano.

Na Galiza mostramos unha vez máis a nosa solidariedade coa loita do pobo catalán, coa convicción de que debemos camiñar tamén cara o noso dereito a existir como nación, vivir en democracia e poñer fin ós problemas estruturais que temos como nación, como clase traballadora e como persoas mozas e que rache cun estado español irremediablemente ao servizo do gran  capital. Por isto, debemos apoiar individual e colectivamente o proceso soberanista catalán e contribuír á construción do noso propio, pasando á ofensiva para exercer o noso dereito á autodeterminación para construírmos unha República Galega que saiba dar resposta ós nosos problemas sociais, económicos, culturais e lingüísticos que teñen raíz na nosa dependencia do estado español.

Se mesmo nas circunstancias máis adversas o pobo catalán foi quen de mostrar unha vez máis e con determinación a súa vontade de ser libre xa ten a República gañada, así que non queda máis que dar os nosos parabéns ás forzas independentistas polos resultados nestas eleccións e constatar que o camiño é o da liberdade e independencia das nacións. O 21-D perdeu o 155 e gañaron as partidarias da democracia, da república e da independencia. Tamén nós continuamos nesta loita, que é o camiño para conquistar a nosa liberdade.