O PP contra o sentido común, artigo de Luis Pérez

Luís Pérez Barral, coordinador da ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico

Sentidiño Común, como se adoita dicir, o menos común dos sentidos, alomenos para algunhas persoas.

O martes 19 de decembro produciuse no Parlamento Galego a defensa da iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que promoveu a Mesa pola Normalización Lingüística. Unha proposta que contou con case 30.000 asinantes, apoio de asociacións empresariais, de comerciantes, consumidores/as, sindicais, culturais e co voto favorábel de BNG, PSdeG e En Marea.

Durante 7 meses a Mesa desenvolveu unha campaña por toda Galiza, visitando cidades, vilas e aldeas, persoalmente puiden coñecer xente marabillosa e sumando milleiros de quilómetros foise espallando a necesidade dunha inciativa que se presentaba en positivo co fin de aumentar dereitos para a lingua galega e as galegofalantes.

Xa fosen castelanfalantes, galegofalantes e mesmo persoas estranxeiras asinaban un texto legal que era de “sentido común” ou ben se extrañaban que en Galiza puidese haber discriminación por razón de lingua e vulneración de dereitos elementais.

Rapidamente fiquei sorprendido coa xente que se achegaba aos postos, con apenas explicar de que ía a proposta, case sempre había 2 respostas:
A) Claro que si!
B) Ah! pero iso non está garantido xa? Pensaba que si

Xa fosen castelanfalantes, galegofalantes e mesmo persoas estranxeiras asinaban un texto legal que era de “sentido común” ou ben se extrañaban que en Galiza puidese haber discriminación por razón de lingua e vulneración de dereitos elementais.

O pasado 19 de decembro, o Partido Popular optou por votar en contra da súa toma en consideración, é dicir, non se poderá debater nin facer lei. As persoas galegofalantes ficamos desprotexidas e cunha exigua cobertura legal no ámbito socioeconómico. O PP escolle o camiño de seguir cunha política lingüística na que en castelán todo se pode e o galego, idioma propio de Galiza, fica relegado a un segundo plano.

Malia isto, non imos rendernos, isto amosa que existe unha ampla base social favorábel á lingua galega, nomeadamente entre a xente moza que, pese a non falar maioritariamente galego, está a favor de aumentar os seus dereitos.

Todas as persoas que colaboraron na campaña #ILPSentidoComún non imos baixar os brazos, ao igual que toda a xente que asinou e viu de sentido común que houbese maior amparo legal dos dereitos lingüísticos en Galiza. Tampouco a Mesa pola Normalización Lingüística, asociación cun traballo ininterrompido na promoción e defensa a lingua galega desde 1986 deixará de facer o traballo que realiza.

En galego sempre. En galego si.