“O profesorado galego coa mobillización social. Sobran razóns” Artigo de Sabela Bará

Sabela Bará é profesora de ensino secundario e militante de Galiza Nova na comarca de Pontevedra.

Xa o di o lema da CIG que nos convoca a unha folga xeral o vindeiro 19 de xuño: sobran razóns. Ao profesorado tamén nos sobran razóns para participar nesta convocatoria de xeito masivo e, xunto co alumnado e persoal non docente, paralizar as aulas.

No ensino vimos de levar adiante unha campaña pola recuperación de dereitos, asinada por máis de 12.000 docentes. Isto pon sobre a mesa unha necesidade urxente de modificar a situación do profesorado, que se viu afectado polos efectos dos recortes aplicados nos últimos anos dende o Estado e a Xunta de Galiza. Neste período perdemos dereitos e conquistas laborais e fomos conscientes dos pasos atrás na calidade do ensino público.

Sobran as razóns para participar nunha folga xeral porque estamos fartas da redución salarial, dos descontos salariais por poñérmonos enfermas, da excesiva burocracia, da perda de poder de decisión do profesorado nos centros de ensino, da temporalidade… Estamos fartas de que estas condicións laborais inflúan na calidade do noso traballo, ao vermos como non somos quen de construír un sistema educativo de calidade para todas e todos. Queremos atender á diversidade, pero atopámonos con ratios excesivas; pretendemos formar un alumnado crítico, pero o currículo non nolo permite; queremos impartir as aulas na lingua propia de Galiza, pero atopámonos con grandes limitacións derivadas dunha lexislación galegófoba…

O profesorado solicita negociación e a Consellaría fai oídos xordos ou vende fume ao inflar a oferta de prazas na convocatoria de oposicións ou ofrecer un aumento salarial irrisorio. A Consellaría non escoita as demandas dos docentes e nós, por dignidade e coherencia, debemos contestar parando os centros o vindeiro 19 de xuño. Non só por nós, senón polo noso alumnado e polo ensino público galego. Sumemos loitas para a recuperación de dereitos da clase traballadora.