“O transporte en Galiza”, artigo de Brais Oia

Brais Oia
Brais Oia, militante de Galiza Nova no Morrazo

Os medios de transporte e os seus servizos melloraron moito nos últimos anos, pero non tanto na Galiza. Cada vez que vou de Compostela ao Morrazo xa podo ir planificando o feito de ir cunha semana de antelación: prezo e horario das estacións, prezo e horario do transporte urbano, prezo e horario do bus ou barco de Vigo-Moaña,… e á volta, o mesmo pero ao revés. Total, que estas viaxes cústanme 20 euros e 3 horas por viaxe.

“Os medios de transporte e os seus servizos melloraron moito, pero non tanto na Galiza.”

Moito peor que o transporte entre comarcas é o transporte nas comarcas. En concreto no Morrazo, xa que é o caso que coñezo, onde ir de Moaña a Bueu supón coller dous autobuses con horarios reducidos, estar con tres cuartos de hora de antelación en cada parada e levar enrriba polo menos 6 euros. E estamos falando de dous concellos que están a 2km de distancia. Compensa máis ir en coche a Cangas ou Pontevedra en tempo/prezo que en autobús, que xa é triste.

A Xunta do PP leva anos perxudicando ó transporte público, cando é o medio do que a maioría da mocidade depende, como as estudantes da Universidade de Vigo, e do que moitas persoas farían uso para acudir ó traballo, por exemplo, se as condicións dos servizos fosen mellores e extendidas, sobre todo nun contexto no que débese priorizar o transporte colectivo fronte á contaminación e os colapsos que xera o transporte individual.
Dende Galiza Nova, atopamos nesta situación unha desventaxa clara para a mocidade galega, dado que resulta complicado tanto desprazarse coma organizarse. É difícil facer algo destinado á mocidade dunha comarca cando parte desa mocidade vai ter moi complicado desprazarse. É por iso polo que demandamos a necesidade dun Transporte Intercomarcal Público na Galiza pensado para as clases populares, para que a xente nova poida coñecer a súa terra e para favorecer o transporte público en curtas distancias.
Recollendo o exposto, é curioso que a día de hoxe compense máis desprazarse en coche de maneira individual que nos medios de transporte públicos. En parte polo empeño do Partido Popular en destruilo. Xa é hora de que se invirtan os cartos no pobo, de que Monbus se deixe de agasallos a conselleiros e de que as galegas e galegos teñamos un servizo de transporte público, noso e pensado para nós. Por un Transporte Intercomarcal Galego!