OGALLÁ UN FUTURO, NA MARIÑA

Artigo de Pilar Vázquez. Opositora.

A marcha que tivo lugar no día de onte en Viveiro pasará á historia da nosa comarca e do  noso país: arredor de 20.000 mariñás e mariñáns camiñamos contra os despedimentos e peche da planta de Aluminio e auxiliares de San Cibrao. O motivo? Porque sabemos perfectamente o que estes despedimentos e este peche supón para os concellos da Mariña e para a provincia enteira.

Sabemos tamén que nin esta comarca, nin esta provincia, nin Galiza enteira teñen a capacidade industrial suficiente para amortecer o impacto desta perda. Sabemos que miles de familias veríanse obrigadas a emigrar. De novo. Como se as galegas estivésemos condenadas a repetir sempre a mesma historia, como se estivésemos condenadas a non poder medrar -en familia ou persoalmente- na nosa terra. E todo isto, por desgraza, ten unha orixe política. Como todo.

Este ermo industrial que estamos a padecer no país ten unha explicación sinxela: comodidade. Comodidade dos de sempre, dos que fartos de non facer nada durante anos por esta comarca, tiraron e tiran da hipocrisía habitual para acudir, segundo faga falla para a campaña, a actos e reunións sen despois facer nada de utilidade. Os mesmos das portas xiratorias que agora prometen nos seus espiches que “se gobernan” solucionarán o problema de Alcoa, o da enerxía. Un problema que puidemos ter evitado se o partido que agora goberna na Xunta, non o vetase no 2018. Unha proposta, o da Tarifa Eléctrica Galega, que se negou alegando que “el resto de españoles no lo entenderían”, mais claro, seguro que entenden ben cando se trata de consumir a enerxía que Galiza produce por un mínimo custo. Así como tamén entenden que Euskadi SI a teña.

Unha comodidade que se estende desde gobernos municipais ao goberno do Estado español pasando pola Xunta. Uns gobernos municipais que enriquecéronse nin máis nin menos que durante 40 anos dos cartos que deixaba esta factoría; uns gobernos municipais que, sabendo que todo tiña un final, non tiveron a ben buscar ou propoñer alternativas de emprego; gobernos municipais que, en definitiva, non souberon facer máis que pasar o formigón diante das casas a cambio dun montón de votos.

É esa a política útil? É ese o verdadeiro “voto útil”?

Tamén cabe falar aquí da (in)utilidade do goberno do Estado, ese goberno que prometeu por activa e por pasiva que aprobaría o Estatuto das Electrointensivas. Un PSOE e un Unidas Podemos que non deixan de decepcionar á clase traballadora mariñá demostrando que, unha vez se chega ao cargo, as promesas quedan baleiras de contido. Que impide agora ao goberno central para aprobar o Estatuto? Cal é o motivo polo que non é factible -como dixo o Vicepresidente segundo- a nacionalización ou intervención desta factoría? Non acaba de anunciar a Unión Europea a adxudicación de 160 mil millóns de euros a España para o “Plan Recuperación europeo”? Non foi esta factoría a primeira en considerarse fundamental tras o comezo do Estado de Alarma? Por que deixar morrer unha factoría chave? O que si sabemos é que esgótase o tempo e na Moncloa parece non haber vontade.

Así como tampouco a hai en San Caetano onde goberna un Feijóo ausente. Ausente na Deputación Permanente e ausente tamén nesta comarca e nesta provincia onde, a dicir verdade, tampouco se lle espera; un presidente que exerce de mero espectador nesta crise como se con el non fose o conto e como se non tivese un Conselleiro competente nesta materia; un presidente que en dúas semanas non tivo un oco para vir apoiar ás traballadoras da Alcoa e auxiliares e que non tivo a iniciativa nin a vontade que se esperaría dun dirixente nacional.

Que pasaría se a Xunta propuxese ao Goberno central unha colaboración económica para a nacionalización desta industria? Non sería de maior utilidade este tipo de propostas -que xuridicamente son posíbeis- que as comparecencias na TVG xogando ao ping-pong co goberno estatal?

Queda unha semana de negociacións entre patronal e sindicatos e o goberno estatal  e galego deberían estar á altura da situación: á altura das traballadoras que viven con ansiedade todo este proceso e aínda así seguen loitando polo seu futuro e o dos seus fillos e fillas. Aquí tamén a mocidade mariñá e galega debese dar un paso adiante e exixir un cambio de rumbo para a comarca e para o país. Un cambio que nos permita medrar nas nosas vilas e aldeas e onde a emigración sexa por capricho e non por necesidade. Levamos moitos anos soportando este espolio e é hora de espertar.

Está nas nosas mans loitar por non seguir no estancamento que nos levou a este desastre ou pelexar polo que, por xustiza, é noso.

Ogallá un futuro con industria e un sector primario e servizos forte; un futuro tinguido de amor pola nosa terra, igualdade e dignidade. Ogallá un futuro, na Mariña.