[Opinión] Un tren a ningures

Artigo do compañeiro de Galiza Nova Lugo, Pedro Pillado.

O noso sistema público de ferrocarril leva décadas agoniando, e avanzando cara a súa inminente privatización, non por ser ignorado e abandonado polos seus usuarios, senón por unha mala xestión da administración.

 Podería un pensar que, habendo conexión ferroviaria entre dúas cidades, pobos ou vilas, os viaxeiros gozan dun servizo público de tren en condición, cómodo, seguro e axustado ao réxime de horarios ofertado. E ao ser ofrecido por un ente público, é tamén razoable asumir que debería ser accesible a un prezo digno e competente.

Pois ben, este non é o caso da infraestrutura ferroviaria de Lugo. Cinguíndonos ao suposto anterior, da capital lucense saen cada día 7 trens con destino á Coruña, semella unha oferta ampla e competente, mais dous deles requiren un billete de máis de 20€, non por seren máis rápidos, senón por seren un traxecto máis longo, de máis de 3 horas nalgún caso, o prezo escala de xeito acorde. Ningunha das opcións restantes ten unha duración inferior á hora e media, sendo o prezo mínimo de 10,80€.

Por este motivo, cada día, a meirande parte dos viaxeiros vense na obriga de optar por unha alternativa. O servizo de transporte público por autobús, que segue un modelo concesional, no que cada liña de conexión é explotada e xestionada por unha empresa privada. Os prezos que ofrecen as empresas privadas son case sempre inferiores ao seu equivalente ferroviario, e en moitos casos realiza o mesmo traxecto en menos tempo.

Obviando as perdas que xera nas nosas arcas manter unha liña ferroviaria pantasma, o problema podería parecer resolto polas liñas de autobús. Por desgraza, estas empresas con frecuencia contribúen á precarización do transporte público evitando aplicar bonificacións nas taxas para a mocidade, o estudantado ou as persoas xubiladas, sen faltar mal acondicionamento do autobús ou atrasos á mantenta que lles permiten reducir o cadro de persoal. Todo isto favorece á lenta substitución do noso sistema de transporte público por outras alternativas máis contaminantes e menos seguras como servizos de vehículo compartido como blablacar ou peor aínda, o uso individual do coche.

O goberno español leva décadas ignorando a necesidade de anovar a nosa infraestrutura ferroviaria, apoiándose nos constantes informes da Consellería de Infraestruturas do goberno de Feijoo

Pero segue a ser o tren a opción máis segura e respectuosa cos horarios? A precaria situación do tren na provincia fai que decotío moitos traxectos sufran atrasos por mor dun mantemento insuficiente dos convois. Nalgúns casos a maquinaria supera os 50 anos o que supón frecuentes avarías, que chegan a provocar atrasos de máis de dúas horas, ou mesmo obrigan aos pasaxeiros a deixar o tren para empregar o bus ou o taxi para continuar a viaxe.

O resto dos atrasos son provocados principalmente polo mal estado das vías, obstruídas as veces por maleza, árbores caídas ou pedras. Por non mencionar que practicamente non hai tramos electrificados en toda a provincia, datando algúns deles do século XIX. Ademais existen túneis como o de Oural que desde que foi construído a man, en 1.883 non recibiu melloras nin adaptacións de seguridade como espazo de seguridade para evacuar o tren en caso de emerxencia, nin sistema de extracción de fumes, o que supón nalgúns casos agardar fronte ao túnel ata que se esvaeza o fume botado polo tren anterior.

O goberno español leva décadas ignorando a necesidade de anovar a nosa infraestrutura ferroviaria, apoiándose nos constantes informes da Consellería de Infraestruturas do goberno de Feijoo, que botan atrás calquera intento de dotación ou reforma da rede ferroviaria lucense, este goberno non é quen de solucionar os nosos problemas que ademais é unha vexación para a rede de transporte público e supón un perigo para os usuarios de Renfe, que se expoñen a taxas de sinistralidade anómalas para un tren de dominio público.

Os recortes tamén chegan ao funcionariado, que dan lugar a situacións máis propias da ficción que da realidade, chegando o punto no que o maquinista remata a súa xornada á metade da viaxe, ficando o tren parado indefinidamente sen haber substituto dispoñible. No caso da escaseza de revisores, os viaxeiros que perderon a posibilidade de mercar billetes nas estacións de poboacións pequenas non teñen forma de comprar o billete ata chegaren ao destino, cando xa non hai ninguén para llo esixir.

O balance déixanos cun sistema ferroviario público dobremente ruinoso, para a cidadanía por non ser eficiente nin útil nin seguro, e para o estado por non ser rendible no económico. Galiza merece un tren que revitalice o interior e dinamice o noso rural dando ao mesmo tempo unha opción de transporte sostible a prezos accesibles para toda a cidadanía. Non se pode confiar ao sector privado a xestión dos nosos trens mentres o estado español leva décadas sen proporcionar melloras nin solucións. Xa é hora de deter o desmantelamento do tren do noso rural.