[OPOSICIÓNS] NON AO USO PARTIDISTA

No día de onte a comunidade educativa recibiu unha carta por parte da Conselleira de Educación da Xunta na que se dá outra versión contraditoria sobre a convocatoria de oposicións para o corpo de profesorado convocada para este 20 de xuño.

Despois de non pronunciarse mentres as demais Comunidades Autónomas do estado anunciaban o adiamento das súas convocatorias pola situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir a nivel global, e coñecer unicamente as súas intencións a través dos medios de comunicación afíns ao goberno da Xunta; pasando por anunciar o adiamento da convocatoria condicionándoa ao mantemento do estado de alarma no estado español. Nestes días comunicaron que se mantería a data do 20 de xuño -aínda coa incerteza do que vai pasar, e é que moitos indicadores apuntan que non será posíbel realizalas ese día-.

A irresponsabilidade de manter esta convocatoria atende a un uso partidista das institucións, co obxectivo de obter rédito político a costa da saúde das opositoras. De manter estas oposicións, a Consellería de Educación non están tendo en conta o perigo que supón que unha multitude de opositoras comparta un mesmo espazo ou o efecto chamada que pode provocar no resto do Estado.

O proceso de oposicións ao corpo de profesorado en primaria e secundaria son unha saída laboral para a que milleiros de mozas galegas se levan preparando os últimos anos para saír do contexto de desemprego e precariedade que nos afoga día a día. A incertidume e o estrés que supón a estas mozas o feito de estar confinadas nas súas casas, e ter que estudar para unhas probas que non saben se van ter ou non, con mensaxes contraditorias cada semana por parte da Consellaría, é un dano engadido á grave situación que estamos a vivir na Galiza.

Do mesmo xeito, supón unha cuestión engadida á nefasta xestión que está a realizar a Consellaría de Educación cos milleiros de estudantes que viron o seu curso escolar interrompido en todos os niveis educativos, dende primaria até a Universidade, cun profesorado cuns medios máis que limitados para poder desenvolver as materias e facéndoo de maneira excluínte ao traballar unicamente a través de dispositivos con conexión a internet.

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, reclamamos que se deixe de dar paus de cego dende a Xunta e que fixen unha data realista para a realización das oposicións ao ensino, así como a dimisión da Conselleira de Educación Carmen Pomar por xogar co futuro e as vidas de milleiros de mozas galegas.