ORGULLO 2019: GALEGAS, ORGULLOSAS E VISÍBEIS!

As conmemoracións do Orgullo LGBT lembran as revoltas que tiveron lugar en New York, na discoteca Stonewall Inn. Foron as mulleres trans negras e drag-queens quen iniciaron unha serie de manifestacións o 28 de xuño de 1969 en contra das forzas da orde que pretendían limitar os seus dereitos no clima dunha forte represión policial. Estes disturbios deron paso a unha corrente de loita polos dereitos LGBT que iniciou a nosa historia moderna occidental, motivo polo cal, 50 anos máis tarde, celebramos este día como o Día do Orgullo LGBT.

E pese ao tempo transcorrido, as persoas do colectivo LGBT aínda seguimos a soportar unha importante discriminación por mor da nosa orientación sexual ou a nosa identidade de xénero. Son frecuentes as brincadeiras LGBTfóbicas, e desgrazadamente, tamén as agresións físicas, sendo este un dos delitos de odio máis denunciados no estado español e que aumenta ano tras ano. E dentro do colectivo, son precisamente as mulleres trans e as persoas racializadas as que soportan a maior parte da opresión, a pesar de seren elas as iniciantes desta historia de loita. 

Do mesmo xeito, tamén denunciamos a feroz apropiación da nosa loita que está a facer o capitalismo, facendo que esta xornada pase a ser unha máis dentro do seu calendario. Envolvéndose na bandeira de 6 cores, as grandes multinacionais e grupos económicos poñen de manifesto a súa hipocrisía durante este mes abrazando un discurso cómodo de tolerancia mentres continúan fomentando a desigualdade social e a discriminación.  Non imos permitir que baixo a nosa bandeira se sitúe o liberalismo, coma cando defende os ventres de alugueiro como un dereito dos homes gais cun alto poder adquisitivo a costa de someter ás mulleres pobres a arrendar o seu corpo.

A loita polas nosas liberdades sexuais vai da man da loita feminista, da loita nacional e da loita de clase. Non podemos entender un día do Orgullo no cal non poidamos esixir tamén o noso orgullo de sermos libres loitando por unha vivir nunha Galiza ceibe. 

Queremos rachar con este sistema corrupto que leva inserido no máis profundo do seu ser a violencia, este sistema que protexe a partidos políticos e organizacións LGBTfóbicas e as financia con diñeiro público, erixindo á ultradereita aos estrados mentres nos agrede. Queremos unha República galega na que sermos libres, na que poidamos mostrarnos abertamente orgullosas da nosa sexualidade e da nosa identidade de xénero. Queremos vivir nunha Galiza soberana, onde se respecten todos os nosos dereitos, sen vérmonos atacadas por ser trans nin por ser lésbicas. Recollendo a herdanza que nos deixaron as nosas compañeiras, seguiremos en pé loitando ata estarmos libres de toda explotación.

Somos galegas, somos orgullosas e somos visíbeis!