ORGULLOSAS DA NOSA BISEXUALIDADE!

Hoxe, 23 de setembro celébrase internacionalmente o día da visibilidade bisexual. Desde a Asemblea LGTBI de Galiza Nova sumámonos a esta xornada de reivindicación e visualización da nosa sexualidade diverxente.

As bisexuais experimentamos atracción por persoas tanto do noso xénero coma doutros. Isto condiciona que experimentemos na nosa pel unha serie de estigmas e discriminacións. Ao igual que as homosexuais, as persoas bi sufrimos homofobia por sentírmonos atraídas por persoas do propio xénero. Porén, a esta opresión súmase tamén a bifobia, que se presenta baixo diferentes fórmulas. As persoas bisexuais somos constantemente invisibilizadas: persoeiros coma Freddie Mercury presentáronsenos sempre como iconas homosexuais cando realmente el mesmo se definiu como bisexual. Existe o estereotipo de que “só é unha fase”, que “estamos experimentando” ou que simplemente “somos viciosas”, sen ter en conta que a nosa sexualidade é tan válida coma as demais. Esta invisibilización chega ao extremo de considerar que cando estamos nunha relación, sexa hetero ou homosexual, “é porque sentamos a cabeza”. Esta discriminación experimentala incluso dentro de colectivos LGTBI, onde tamén podemos chegar a ser consideradas como persoas indecisas que non teñen clara a súa sexualidade.

A bifobia tamén nos afecta de xeito diferente segundo o noso xénero: aos homes gais considérannos como gais que non nos atrevemos a dicilo; mentres que as mulleres se considera que somos heterosexuais experimentando ou incluso nos sexualizan para dicir que o facemos para lograr a atención masculina. Novamente o patriarcado utiliza a nosa sexualidade e pervértea para adaptala aos seus intereses.

Ser bisexual non implica unha atracción por homes e mulleres ao 50%. A atracción flutúa e é cambiante ao longo do tempo. Non responde a ningún tipo de porcentaxe nin é estable. Mais é unha opción igual de válida que as outras. Temos dereito a sermos libres e vivir a nosa sexualidade nunha Galiza ceibe, sen termos límites impostos nin pola nosa sexualidade nin pola vivirmos nunha Nación oprimida. Somos bisibles e estamos orgullosas!