“Os intereses do gran capital español están detrás dos lumes” Artigo de Martín Agrelo

Martín Agrelo é Xeógrafo e membro da Dirección Nacional de Galiza Nova

Nos últimos días asistimos a unha vaga de lumes dramática que percorreu boa parte da nosa terra. Lamentabelmente estamos acostumadas a estas novas, pero na xornada entre o domingo e luns asistimos a un asedio das laparadas a núcleos moi poboados, especialmente da área metropolitana de Vigo, e a tres espazos naturais especialmente relevantes no noso imaxinario: Ancares, San Mamede e Xurés. Temos que lamentar incluso varias vítimas mortais, persoas que están no noso recordo.

Ante esta grave situación os medios de desinformación autonómicos encárganse de desviar a atención a variables máis ou menos incontrolábeis, como a meteoroloxía anómala e a actitude “homicida” dunha serie de pirómanos que son debuxados como os responsábeis últimos de todo. Mesmo atrévense a culpabilizar aos medios de extinción portugueses dos lumes producidos en Galiza! Pero detrás destes argumentos simples agóchase a verdadeira causa: unha ausencia absoluta e deliberada de ordenación e protección dos nosos montes.

A dura realidade é que dependemos en exclusiva dunha repentina chegada de precipitacións porque, ante unhas condicións minimamente adversas, o descontrol do lume nun monte desestruturado é total e só o pobo autoorganizado é quen de salvar as súas propias casas. Os recortes en servizos de extinción son un agravante incomprensíbel, xa que deuse a paradoxa de o estado portugués enviar máis efectivos de apoio que o español. Semella que a prioridade do goberno central é mallar no pobo e non axudalo. Mais non nos enganemos, sen unha planificación a longo prazo, estas medidas de emerxencia só son paliadoras.

O lobby pasteiro que monopoliza o sector a través de ENCE, en alianza con outras multinacionais extractivistas, manipula e presiona á administración autonómica para que non faga efectivas as súas competencias na materia ambiental e territorial. Un medio rural sostíbel e produtivo asusta a quen se lucra da fragmentación, abandono e roubo dos nosos montes. O modelo de monte comunal espanta especialmente aos ex-dirixentes populares que forman parte do consello de administración de ENCE. É así como se entenden moitos dos lumes que consumen extensións de monte, e que pouco despois a multinacional se ofrece a “rexenerar” con máis eucaliptos, levándose por diante neste proceso toda a biodiversidade e os solos, que son a base da vida. Uniformízase a nosa paisaxe ata convertila nun mar de eucaliptos e piñeiros e xógase cun dos medios de sustento de gran parte das parroquias galegas.

 As elites españolas poderán seguir espoliando os nosos recursos até facer do noso produtivo país un deserto ermo se non defendemos o dereito do noso pobo a tomar control do seu territorio. Nesta loita está Galiza Nova, porque batemos onde máis lles doe!

A mocidade galega xa comezou a reaccionar ante este futuro gris que nos ofrecen, organizándose en proxectos de valorización económica e social do monte, a través do asociacionismo e do cooperativismo. Estes piares deben ser a punta de lanza dun movemento popular que consiga dar a volta a isto. Esta loita é a mesma que a da Ría de Pontevedra, que a do Monte Pindo ou que a da megaminaría, porque a fonte principal destes despropósitos é a situación de dependencia colonial de Galiza. As elites españolas poderán seguir espoliando os nosos recursos até facer do noso produtivo país un deserto ermo se non defendemos o dereito do noso pobo a tomar control do seu territorio. Nesta loita está Galiza Nova, porque batemos onde máis lles doe!