OS SEUS INTERESES QUEIMAN O NOSO MONTE: DEFENDÁMOLO!

Estes días de xullo comezan a facerse frecuentes as imaxes de desolación nos nosos montes. Tristemente, ollamos como apareceron focos desde a ribeira da ría de Arousa até as montañas do oriente ourensán. Que isto aconteza ano tras ano é un problema gravísimo ao que parece que nos queren afacer. Un feito que amosa de xeito nítido o reto que afrontamos é que o último gran incendio rexistrado, aínda activo na parroquia de Queirugás (Verín), está a arder sobre as cinzas doutro lume producido hai menos de 3 anos e que daquela arrasara centos de hectáreas. Esta frecuencia e extensión dos lumes forestais ten difícil comparación no contexto europeo. Pero que acontece?

A nosa mirada debe ir alén dos focos accidentais ou das estigmatizadas poboacións locais, que para a Xunta son as principais causantes do lume, ben polas queimas irresponsábeis ou ben directamente como “pirómanas”. Non debemos alimentar ese relato da lenda negra, que caricaturiza o noso rural como un espazo residual e incapaz de adaptarse ás innovacións no ámbito agroforestal. As principais causas do elevado risco de incendio na nosa terra deben atoparse no abandono do rural, no modelo de aproveitamento forestal e nas mudanzas climáticas. Son todas elas cuestións nas que os gobernos do PP evitan asumir responsabilidades. Boa proba desta deixadez é que o goberno autonómico decidise deixar de informar dos incendios de menos de 20Ha, para deste xeito dar unha sensación de redución do problema. Nada novo, unha nova ocultación de datos para tapar as miserias de ENCE e dos lobbies enerxéticos.

Desde Galiza Nova sinalamos con demasiada frecuencia este problema estrutural no país. A mocidade activa e rebelde debemos seguir loitando na rúa, mais as nosas reivindicacións xa deben ir alén do necesario reforzo das brigadas, que loitan en condicións precarias contra o lume. Non debemos ficar tampouco no apoio puntual ás mobilizacións pola limitación ao cultivo do eucalipto. Precisamos reaxir como pobo, desde as nosas localidades, e poñer a andar a alternativa alí onde vivimos, sexa nunha parroquia rural ou nunha cidade. Participemos das comunidades de montes alí onde haxa, divulguemos outras formas de aproveitar os nosos bosques, coñezamos a nosa terra para defendela mellor. Nestes tempos é máis preciso ca nunca coidar da terra para defender o noso futuro.

Estamos fartas de ter que denunciar esta trama criminal e especuladora. Décadas de (anti)política forestal dan como resultado uns montes en abandono e unha constante perda de biodiversidade. Está claro que non podemos resignarnos, e mentres non exista un goberno galego que exerza como tal, urxe organizarnos para defender o monte.