André Vidal, compañeiro da comarca do Baixo Miño e cabeza de lista do BNG ao Senado por Pontevedra

Non é hora de parálise, É a hora de Galiza. Artigo de André Vidal

Durante os últimos 3 anos Galiza ficou detida no tempo, coma se do Padornelo á costa as agullas dos reloxos ficaran paradas.

Durante 3 anos non existiran problemáticas nin denuncias. Un tempo onde Galiza estivo fora de calquera debate dentro das Cortes, onde as galegas nin contábamos nin existíamos.

André Vidal, compañeiro da comarca do Baixo Miño e cabeza de lista do BNG ao Senado por Pontevedra

Os nosos problemas, problemas que as mozas galegas enfrontamos todos os días, non contaron co respaldo nin a resposta das forzas que, supostamente, ían velar polos nosos intereses.

As mozas que vivimos fóra de ámbito urbano padecemos un país no que é moi complicado, e moi caro, movernos. Movernos non só por unha cuestión de ocio, senón por unha cuestión de necesidade, como ir ás aulas todos os días ou tentar acceder a un traballo fóra das nosas vilas de residencia.

Galiza conta cunha rede de transporte público caro e insuficiente, que non fai viable unha mobilidade satisfactoria polo noso país.

Por se non fose pouco, temos unha das autoestradas máis caras de toda Europa, a AP-9, que percorre o noso país desde Tui a Ferrol.

Eu sei ben o que é moverse pola AP-9, e sobre todo o que é ter que pagala, xa que ao vivir en Tui, percorro esa estrada desde o seu comezo para calquera traxecto que faga na nosa terra.

E que fixeron as forzas, supostamente galegas, que ían defender os nosos intereses? A resposta é sinxela, axustarse á axenda política das necesidades dos seus amos en Madrid.

Isto apenas mostra unha realidade: as forzas de ámbito ou obediencia estatal esquécense de Galiza e non está dentro do seu proxecto defender os intereses das maiorías sociais galegas. Existen para perpetuar a realidade á cal responden: a unidade de España, sendo as reivindicacións sociais e os avances democráticos algo ao que non están acostumadas.

Ademais, nun momento social onde a ultradereita, traducida en forma de ultraespañolismo, conta coa axuda dos medios de comunicación para asentarse en lugares como Galiza, onde carece de base social, é necesario a aposta clara por forzas transformadoras e con compromiso antifascista. Nun escenario sen maiorías, obter representación tradúcese en máis capacidade e máis armas para defender os intereses de Galiza.

Este 28 de Abril, as galegas contamos cunha ferramenta propia, nada e criada por nós, como é o BNG. O saneamento das nosas rías, o peche de empresas por contar cunha política enerxética colonial, o baixo investimento en políticas sociais, a ausencia de xulgados especializados en violencia machista, ter unhas pensións entre as mais baixas do Estado, a incapacidade de que Galiza produza e conte con soberanía alimentaria, non poden esperar mais.

Nós, a mocidade galega, debemos dar un paso cara adiante na defensa do noso país, na defensa do noso futuro, un futuro onde poidamos vivir e traballar de xeito digno na nosa terra.

É a hora de que a mocidade toma partido na actividade política, defendendo a voz das mozas galegas e dos intereses de Galiza. É por isto que me presento como cabeza de lista ao Senado pola provincia de Pontevedra, para levar a voz das mozas galegas a donde sexa preciso, para mellorar a calidade de vida material da nosa xente e construir o país que somos e que precisamos.

A defensa do noso, pasa por nós mesmas, igual que o feito de estar nas Cortes Españolas e que Galiza conte con voz.

Que non nos silencien. Agora mais que nunca, BNG. Agora Galiza.