Participa das asembleas abertas de mozas cara a folga do 8M

A asemblea de mulleres de Galiza Nova chama as mozas galegas a participar da folga de mulleres convocada pola nosa central sindical de referencia, a CIG, para o vindeiro 8 de marzo polo día das mulleres traballadoras, e secundada polo conxunto do movemento feminista galego.

Nese sentido, convocamos unha serie de asembleas abertas de mozas (non mixtas) por diferentes localidades do país, para socializar a convocatoria entre as mozas e preparar os traballos de cara as grandes mobilizacións que terán lugar na Galiza para reivindicar os dereitos das mulleres.

Nestas asembleas analizarase tamén, en conxunto coa central sindical, a situación de triple opresión das mozas galegas. Cando dicimos que as mozas galegas estamos oprimidas de xeito triplo non é unha consigna baleira: sufrimos o patriarcado, o capitalismo e vivimos nun País que actualmente funciona como unha colonia do Estado español.

É por iso que é necesario que pasemos á acción, e convocamos a todas as mozas galegas a participar da preparación da folga de mulleres do 8M, así coma a secundar os paros convocados e acudir ás mobilizacións, e ao mesmo tempo a organizarse en chave feminista. Só mediante a organización, a loita e a mobilización conseguiremos derrubar o patriarcado como peza fundamental do sistema que nos oprime, xunto co capitalismo e a dependencia colonial de Galiza.

Asembleas convocadas: (datos suxeitos a modificacións e ampliacións)

  • Pontevedra: 8 de febreiro ás 19:30 na Casa da Luz
  • Vigo: 9 de febreiro
  • Lugo: 15 de febreiro
  • A Pobra do Caramiñal: 17 de febreiro
  • A Coruña: 21 de febreiro
  • Ourense: 22 de febreiro
  • Tui: 23 de febreiro
  • Marín: 23 de febreiro
  • Noia: 24 de febreiro
  • Pontedeume: 24 de febreiro
  • Compostela: 28 de febreiro
  • Moaña: 2 de marzo
  • Cambados: 2 de marzo

Feminismo sen tregua para liberar Galiza!