Participa nas concentracións contra o asasinato machista en Valga

Vimos de coñecer un novo caso de feminicidio, desta volta na localidade de Valga.  María Jesús Aboy, de 43 anos, foi asasinada pola súa ex-parella, que posteriormente se suicidou.

Ante a magnitude dos dados estadísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)producción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxe unha resposta social e colectiva, máis tamén política e institucional que non fique só en minutos de silencio, repulsas ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

Esixímoslle responsabilidades aos gobernos Central e galego polos seus recortes en materia de igualdade e en axudas contra as violencias machistas. Hoxe máis ca nunca temos a necesidade de seguir saíndo á rúa, para denunciar todo tipo de violencias que se exercen sobre as mulleres e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos ate hoxe, deixando na indefensión a todas as mulleres.

Desde Galiza Nova facemos unha chamamento a toda a mocidade para acudir e difundir as concentracións convocadas polo feminismo galego en repulsa da violencia machista mañá, martes 12, nas diferentes cidades e localidades. Debemos berrar alto e claro que non morren, senón que son asasinadas. Enchamos as rúas contra o patriarcado!

Convocatorias:

  • A Coruña, 20:00 Obelisco
  • A Estrada, 20:00 Praza do Mercado
  • As Pontes, 20:00 Praza do Hospital
  • Betanzos, 20:00 Cantón de Claudino Pita
  • Vigo, 20:00 Escaleiras do Marco
  • Lugo, 20:00 diante do Concello
  • Pontevedra, 20:30 diante da Audiencia Provincial
  • Cambados, 20:30 Praza da Naiciña
  • Vilagarcía de Arousa, 20:30 Praza de Galiza
  • A Guarda, 20:30 Praza do Reló
  • Ourense, 20:00 Castañeira. San Lázaro
  • Ferrol, 19:00 diante do Concello
  • Compostela, 20:00 Praza 8 de Marzo
  • A Ramallosa, 20:00 Rotonda da Ramallosa
  • Moaña, 20:00 Praza do Concello
  • Bertamiráns, 20:00 Praza da Maía
  • Redondela, 20:30 Praza da Constitución
  • Miño, 20:30 Praza do Parchís

Leave a Reply

Your email address will not be published.