Participamos nas xornadas “Reigniting Radical Youth Politics” en Irlanda convidadas polo Sinn Féin

Nos pasados días 20 e 21 de abril Galiza Nova participou nas xornadas “Reigniting Radical Youth Politics”, organizadas en Carrickmacross, Irlanda, polo Sinn Féin e o grupo parlamentar europeo Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Nórdica Verde (GUE/NGL).

O evento incluía palestras e debates sobre os seguintes temas: xustiza climática e políticas medioambientais, o dereito á autodeterminación dos pobos, a xustiza social e a solidariedade en Irlanda en relación ás súas problemáticas actuais, nomeadamente a da unidade de Irlanda, as loitas polos dereitos da clase traballadora, etc. Mesmo coñecemos de primeira man a historia dun ex-prisioneiro en Exipto que estivo no cárcere durante máis de catro anos por acudir a unha manifestación en defensa da liberdade de expresión. Tamén tivemos ocasión de elaborar en obradoiros campañas e estratexias a seguir ante problemáticas concretas coma o feminismo, os dereitos laborais, as loitas estudantís, etc.

As organizacións das nacións sen estado do Estado Español recibimos unha atención particular nas análises e os debates, debido á situación política actual na que o Estado Español quitou as máscaras e se mostra como o estado antidemocrático e profundamente represivo que é, onde ter unha ideoloxía discordante do modelo centralista pode levar a activistas e políticas á prisión. Nas xornadas entendeuse en todo momento que estamos nun contexto no que apoiar internacionalmente o procés catalán e as loitas pola liberación nacional da Galiza e de Euskal Herria é crucial para defender os dereitos básicos das persoas en canto á democracia e o dereito a decidir.

Neste sentido, os debates tiveron sempre como eixo central a solidariedade internacional e a defensa do dereito á autodeterminación dos pobos. Tivemos ocasión para expor a situación da Galiza e a nosa loita pola liberación nacional no contexto político actual e explicar as problemáticas a nivel económico e social que derivan da nosa dependencia colonial do Estado Español e sermos periferia nunha Unión Europea que vira as costas aos dereitos dos pobos, de maneira que no noso país a loita social e a nacional son unha mesma loita.

Nestas xornadas de debate e convivio continuamos a establecer e manter o contacto con diversas organizacións xuvenís pertencentes a movementos de liberación nacional e partidos de esquerdas de países coma Irlanda, Francia, Alemaña, Portugal, Inglaterra, Grecia, o Kurdi stán, Suecia, Finlandia, a República Checa, Dinamarca, Chipre, Escocia, Euskal Herria e os Països Catalans.

Debemos salientar a boa acollida e o ambiente moi positivo nestas xornadas, que nos dan folgos para continuarmos no traballo pola a construción da solidariedade internacional entre pobos, que é central para camiñarmos cara a unha sociedade máis xusta de persoas e nacións libres.