O vindeiro domingo 9 de febreiro a plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha nova manifestación nacional na defensa da sanidade pública galega. Desde Galiza Nova chamamos a toda a mocidade a sumarse a esta xornada de mobilización en contra do desmantelamento do sistema sanitario público. 

Despois de 12 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, a precarización do sistema público de saúde galego é máis que evidente. Unha degradación na asistencia sanitaria, así como o empeoramento das condicións laborais das traballadoras do Sergas, sumado a unha privatización cada vez maior conducen a un sistema sanitario totalmente deteriorado.

O desmantelamento dos hospitais comarcais e da Atención Primaria produciron unha situación xa insostible, que rematou incluso coa morte de varias persoas. Mais o pobo galego está farto, e botouse á rúa para exixir unha sanidade digna, en mobilizacións coma as que tiveron na área de Vigo ou, máis recentemente, en Verín.  

Temos dereito a unha sanidade pública e universal, digna e de calidade, que respecte tanto ás pacientes coma ás traballadoras. Por iso chamamos a  toda a mocidade galega a participar da manifestación que sairá este domingo ás 12h da Alameda de Compostela na defensa dun dereito básico.

Leave a Reply

Your email address will not be published.