Ana Pontón dá voz á mocidade galega emigrada e leva ao Parlamento Galego a cruel realidade do éxodo xuvenil na Galiza. Pontón preguntou hoxe ao presidente da Xunta polos miles de galeg@s que buscan fóra de Galiza un posto de traballo. Toda esa xente moza que tivo que coller as maletas buscando unha oportunidade de traballo que aquí non teñen porque a propaganda de Feijóo non crea emprego.

A portavoz parlamentaria do BNG preguntou ao presidente pola emigración xuvenil e criticou que siga mantendo o mantra da recuperación económica a pesar de que en Galiza existan 700.000 persoas en risco de exclusión social que viven con menos de 600 euros ao mes.

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe ao presidente da Xunta polos miles de galeg@s que buscan fóra de Galiza un posto de traballo. Toda esa xente moza que tivo que coller as maletas, igual que o fixeron antes o seus avós, avoas, nais e país, buscando fora unha oportunidade de traballo que aquí non teñen, recalcou a nacionalista “porque a súa propaganda non crea emprego”.

Nos últimos tempos, explicou Pontón, vostede repite como un mantra que Galiza está na boa dirección. No telexornal dos medios públicos “que pagamos todos os galegos e as galegas cos nosos impostos” non podemos escoitar as gravacións do Ministro conspirador escoitamos día si, día tamén, como vostede “nos conta a milonga de que Galiza está de marabilla” e que os galegos e galegas non teñen ningún problema, pero por desgraza, a realidade é ben diferente.

No último ano emigraron 50.000 galegos e galegas

Mentres fala de recuperación económica a taxa de pobreza en Galiza aumentou un 25% no último ano. Hoxe temos neste país 700.000 persoas en risco de exclusión social, é dicir que teñen que vivir con menos de 600 euros ao mes, insistiu a portavoz parlamentaria.

O BNG, dixo, trae a este Parlamento outro dos dramas sociais que o seu mantra televisivo da recuperación nega: “o da emigración xuvenil”. Os datos do Servizo Público de Emprego Estatal sobre o que vostedes chaman mobilidade xeográfica da contratación, -é dicir-, a xente que emigra, indican que “no último ano marcharon da Galiza buscando traballo 50.000 persoas”. Viñeron a traballar algo máis de 27.000, pero o balanzo é un saldo negativo de 22.500 empregados menos. A cifra máis alta desde que empezou a crise, por moito que vostede predique a recuperación.

Feijóo campión da recuperación económica, só nos telexornais

Esta é a realidade que nos deixa o seu goberno e mentres nos conta no telexornal que vostede é o campión da recuperación económica, hai miles de persoas que a única recuperación que ven é da emigración, “con propaganda e publicidade non se crea emprego”, reiterou a nacionalista.Se a recuperación fóra real e Galiza estivera á cabeza da recuperación económica no Estado, o saldo tiña que ser positivo, “tería que vir a traballar a Galiza máis xente da que marcha”.

Ante esta situación, a portavoz parlamentaria preguntou a Feijóo se de verdade non se sinte preocupado por ver como cada vez máis galegos e galegas emigran para buscar fora unha oportunidade que o seu goberno lle nega.

Os datos reais estragan a propaganda de Feijóo

Tras a resposta de Feijóo que afirmou que dende o ano 2009 ata hoxe o saldo acumulado migratorio entre os que saíron e entraron é positivo, a portavoz do BNG amosou o titular dun xornal: “ A fuga de traballadores galegos acentúase ao marcharse 50.000 e tan só vir 27.000, a mobilidade laboral xeográfica en Galiza se agrava”, ao que sumou os datos do informe so Servizo Público de Emprego e afirmou que “os tatos lle estropean a súa propaganda” e ao BNG o que lle preocupa son as penalidades que está pasando a xente do noso país. Dende que vostede goberna “non hai máis traballo”,marcharon miles de persoas e temos 135.000 persoas ocupadas menos.

A portavoz do BNG recalcou que as políticas do goberno galego “destrúe a base produtiva” galega, o agro, o emprego, o naval e mostra “miopía política” sobre o I+D+i provocando o descendo do gasto en innovación. Vostedes, dixo, colocáronos “á cola de todo o estado español” e puxo como exemplo que no ano 2008 gastábanse 211,7 euros per cápita en innovación e agora déixanos en herdanza 174,2 euros. “As súas políticas destruíron a metade das empresas consideradas tecnoloxicamente innovadoras”.

En Galiza as cousas non están ben para unha grande maioría, hai máis paro, pobreza e máis desigualdade aínda que a vostede non lle guste recoñecelo, concluíu.

Leave a Reply

Your email address will not be published.