POR QUE UNHA UNIVERSIDADE PRIVADA?

David Neira é integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova, foi activista estudantil nos Comités e é graduado en Maxisterio pola UDC e en Educación Social pola USC. Foi bolseiro na USC e estuda un mestrado de Investigación en Educación nesta universidade.

“Lucrar” é un verbo pronominal porque non se pode separar o “eu” da súa esencia semántica. As entidades con ánimo de lucro, coma os bancos (non hai símil mellor de ánimo de lucro), levan décadas destinando unha parte ínfima dos seus enormes beneficios (do seu lucro) ao que historicamente se deu en chamar “obra social”. Esta, entre outras moitas cousas como desgravar impostos, servía nos máis dos casos para “lavar a cara” da realidade capitalista na que operan acotío. Así por exemplo, vemos como as grandes hidroeléctricas que destrúen a riqueza natural do noso país teñen fermosas fundacións nunha infinita gama de verdes que semella non acabar nunca.

A finais da semana pasada, os medios de comunicación daban a coñecer a intención da fundación de Abanca (Afundación), de impulsar a Universidad Internacional de la Empresa, unha entidade de carácter privado con fins educativos. O sector bancario entraría a xestionar a primeira universidade privada en territorio galego, onde non está de máis recordar que existen tres entes públicos con implantación nas sete cidades galegas e nalgunha outra vila, que teñen o mesmo fin e ademais, mira ti que cousas, problemas dabondo. Seremos o único territorio do Estado español sen universidade privada, mais aléntovos a aquelas valentes a buscar a unha estudante universitaria e preguntarlle de que ou quen son os logos que aparecen na súa carpeta oficial. As empresas están presentes nas universidades e os Consellos Sociais están creados para que iso sexa así (alén de que xa existían centros privados de estudos superiores).

A universidade debe ser unha ferramenta que renda conta aos intereses do pobo e transforme os cartos investidos nela en coñecemento científico e mellora da calidade de vida de todas e todos.

Entón, por que unha Universidad privada? Contribuír ao desenvolvemento e calidade do Sistema Universitario Galego non chega? Ou, quizais, son as diferenzas semánticas entre xestionar e contribuír o elemento decisivo? Coa única intención describir unha realidade que é obxectiva por parte de quen escribe, dicir que se o capital é privado haberá unha xunta directiva que escolla ao profesorado (que como sempre sucedeu nas empresas, a igual formación, os amigos primeiro), o currículum estará ao servizo de quen invista na institución (que preferirán ramas máis rendíbeis economicamente falando, en detrimento de, por exemplo, as ciencias sociais, cuxo beneficio non sempre é tanxíbel nin económico a curto prazo), e, admitido ou oculto, haberá unha selección do alumnado ao igual que pasa nos centros privados de primaria e secundaria (e supoñendo un criterio similar, podería implicar xuízos de valor en trazos alleos á capacidade académica das persoas, pero sobre todo potenciar a desigualdade social e unha rotura do que ata o momento foi un dos poucos puntos de encontro entre todas as clases sociais no noso país).

A universidade debe ser unha ferramenta que renda conta aos intereses do pobo e transforme os cartos investidos nela en coñecemento científico e mellora da calidade de vida de todas e todos. O acceso á cultura e ao coñecemento non pode estar condicionado polo noso capital económico, senón que é un dereito conseguido pola clase traballadora, e noso é o deber de defendelo e esixir que se faga cumprir. Unha universidade de calidade garantida a todas e todos e ao servizo dos intereses colectivos, non dunha determinada clase social.

Finalmente, e xa que estamos nas portas do Nadal, o meu único desexo é que dentro de 10 ou 15 anos, a Universidad Internacional de la Empresa non sexa unha filial da Rey Juan Carlos, e se convirta nun mercado de títulos para a clase social dominante. Agardo para aquela non creamos constantemente en “fortuítas coincidencias” e ollemos nitidamente a retroalimentación do sistema.

Leave a Reply

Your email address will not be published.