Nas NOSAS FESTAS: Nin machismo, nin racismo, nin LGBTfobia!

Na loita contra o patriarcado, o racismo e a LGBTfobia temos a responsabilidade social de construírmos espazos de lecer libres destas discriminacións nos que semella que xa se teñen enquistado máis do debido. É xusto nestes lugares de dominio público onde o patriarcado nos ten arrebatado máis seguridade e isto vese incrementado en épocas de festividades como o Entroido.

Estas actuacións reafirman a realidade actual na cal as mozas nos vemos violentadas e nos sentimos inseguras en festas e durante, ademais, o Entroido propicia que amparándose nas máscaras e disfraces, se perpetúen ditas agresións facilitadas pola ocultación das identidades dos agresores. Ademais de mediante estas actitudes, o patriarcado conta con outras faces coas cales estar presentes durante o Entroido: a hipersexualización do corpo de mulleres e nenas, o uso de disfraces de muller por parte de homes –a fin de fomentar a misoxinia, ridiculizarnos e caricaturizarnos a todas nós e máis en concreto ás mulleres trans- , as brincadeiras completamente plumófobas e homófobas, disfraces exhibidos por persoas brancas que fomentan o racismo e ridiculizan directamente ás persoas racializadas…

Non permitiremos que baixo a escusa do lecer e a diversión se atente contra as nosas loitas: nin contra a loita feminista, nin contra a loita das persoas trans –para quen vestirse de home ou muller non é motivo de diversión- nin contra a loita antirracista, caricaturizando trazos físicos ou culturas, natureza étnica, crenzas relixiosas ou experiencias migratorias que seguen sendo motivo de distintas opresións.

É por isto que desde a Asemblea de Mulleres e a Asemblea LGBT de Galiza Nova demandamos:

  • Que se descarten os disfraces que cousifican e erotizan ás mulleres e aqueles que nos discriminan e ridiculizan portados por homes.
  • A elección de alternativas igualitarias que non perpetúen os roles de xénero, que respecten a diversidade sexual e que non atenten contra as persoas racializadas.
  • Denunciar a venta de disfraces coa palabra “sexy” no envoltorio.
  • A implantación por parte do goberno galego e o goberno do Estado de medidas concretas para a erradicación de actitudes machistas, racistas e sexistas da nosa sociedade: implantación de centros de información eficaces, formación de profesionais para o acompañamento de vítimas de violencia de xénero nos distintos ámbitos, tratamentos das violencias machistas como prioritarias e posta en marcha de políticas urxentes para a súa prevención…
  • A presenza nas distintas festas de puntos Lilás para a prevención e de necesario, atención das posibles mulleres vítimas de violencia machista.
  • No Entroido, NON tamén é NON: o consumo de drogas tanto legais como ilegais non son unha xustificación para as agresións.

As mozas nacionalistas, apostamos por modelos de ocio alternativos, ligados á nosa cultura popular, fóra dos transmitidos desde o sistema baseados no consumo de drogas e acompañadas dun discurso normalizador destas, que buscan a nosa total alienación. Por todo isto, desde Galiza Nova queremos reivindicar un Entroido popular e galego fuxindo de mimetismos que, baixo a máscara globalizadora ou mercantil, nos traslada o capitalismo, eliminando calquera identidade e festexos relacionados con esta, buscando facilitar o espolio colonial e imperialista e negándonos como suxeito.

Leave a Reply

Your email address will not be published.