Xosé María André, Responsábel de Organización de Galiza Nova Compostela

“Por un uso social para o Hospital de Galeras”, Artigo de Xosé María André

Xosé María André, Responsábel de Organización de Galiza Nova Compostela

A simple vista do vello Hospital Xeral de Galeras pode traer lembranzas e pensamentos ben diversos. Grande parte da veciñanza de Compostela pensa nun edificio que viu nacer e vivir episodios fundamentais das súas vidas. Eu, como estudante de Medicina, non podo evitar pensar no grande número de compañeiras que aprenderon a ser médicas no seu interior. Por suposto, haberá quen, cando olle ao Hospital, devece por sacar proveito persoal a costa da cidade.

A historia deste edificio, propiedade da USC durante máis de medio século, virase truncada co seu abandono en 1999. Co paso dos anos, os reitores da USC buscarán desfacerse do edificio nunha política de venda das propiedades públicas, co beneplácito do Goberno de Feixóo e a recalificación do terreo defendida polos gobernos municipais do Partido Popular e finalmente aprobada polo goberno de Compostela Aberta, coa única voz crítica do BNG.

A historia da recalificación non é só un repaso da especulación urbanística no corazón da nosa cidade, senón unha oportunidade para ver como ían diminuíndo as funcións sociais que proporcionaría: así foi perdendo o seu uso comunitario a favor do seu uso para oficinas e uso para grandes superficies comerciais que podería mancar hravemente o tecido comercial da veciñanza, e obrigará a destruír zonas verdes para abrir aparcadoiros.

A venda do Hospital, e como exemplo, as especulacións cos terreos de Xoán XXIII están permitindo o espolio das propiedades públicas no centro da cidade, sempre co permiso do goberno municipal de Martiño Noriega e a reitor Viaño da USC. Como estudante de Medicina non penso deixar que poñan como escusa a necesidade de liquidez por parte da USC para a construción da miña futura Facultade, nin a preocupación polo estado do edificio, cando a venda buscou aproveitar a diminución o valor do edificio para facilitar a súa venda e aplacar as necesidades dunha universidade cuns orzamentos eivados no momento da poxa.

O pasado mes de Xaneiro Galiza Nova Compostela realizou accións contra a venda do Hospital Vello de Galeras

A visión do vello Hospital de Galeras quero que me traia pensamentos de oportunidades para a veciñanza: residencia de estudantes, gardaría, centro de día ou para doentes crónicas. Oportunidades, e tamén propostas polos que apoiamos a plataforma veciñal Compostela Non Se Vende.

Unha vez máis, a mocidade nacionalista de Galiza Nova sitúase na defensa do ben público contra os intereses dos poucos. Loitaremos, unha vez máis, polo noso!