Posicionamento da Asemblea LGTBI perante a agresión LGTBIfóbica da Coruña

Desde a Asemblea LGTBI de Galiza Nova sumámonos á denuncia de A.L.A.S. A Coruña (asociación pola liberdade afectiva e sexual) ante unha nova agresión LGTBIfoba na cidade da Coruña. Neste caso a vítima foi agredida polo seu caseiro que proferiu insultos LGTBIfobos, golpeou e incluso ameazou de morte a este mozo.

Esta súmase á agresión que deu a coñecer a Asociación Nós Mesmas esta mesma semana por parte do alcalde de Valga, José Manuel Bello Maneiro, do Partido Popular. Neste caso, o rexedor dirixiuse a María Ferreirós, líder da oposición, co termo “tortillera” durante o pleno do mes de novembro. Este caso ten un dobre cariz misóxino, xa que as acusacións de ser lésbica en sentido pexorativo son un ataque común contra mulleres con discurso feminista, e máis directamente lesbófobo, polo uso de un termo históricamente usado de forma degradante.

Comenzamos este ano coa noticia dunha agresión homófoba na cidade da Coruña e ollamos que os ataques contra o colectivo LGTBI seguen a acontecer case a diario nunha sociedade que non é quen de superar a LGTBIfobia.

Mais non nos resignamos, queremos construír un Galiza nova e diversa. Unha Galiza libre de agresións, na que os grandes altofalantes mediáticos non permitan a difusión dun discurso lgtifóbico. Onde cargos políticos non fiquen impunes tras declaracións inadmisíbeis e a existencia de organizacións como Hazte Oír non sexa algo normalizado.

Por iso continuamos a demandar unha lexislación firme e clara que garanta os nosos dereitos e que remate coas discriminacións e agresións as que nos enfrontamos. Por iso, chamámos a mocidade a participar na mobilización convocada por ALAS o vindeiro día 10 para denunciar as agresións ao colectivo LGTBI e reivindicar unha resposta efectiva.

Leave a Reply

Your email address will not be published.