Posicionamento fronte ao documento transfobo aprobado polo comité federal do PSOE

Vimos de coñecer a filtración dun documento interno do Partido Socialista titulado “Argumento contra las teorías que niegan la realidad de las mujeres” e asinado polo secretario de organización José Luís Abalos e a secretaria de igualdade Carmen Calvo Poyato entre outros. O texto consiste nun argumentario dirixido ao uso interno no partido no cal se alegan cuestións moi graves en contra dos dereitos das persoas trans. Este texto enmarcase no debate arredor da aprovación das novas leis estatais referentes ao colectivo LGBT, unha lei LGBT integral e unha lei de identidade de xénero na cal viría recollido o dereito á autodeterminación do xénero sen ter que someterse ao proceso patoloxizante recollido na lei de cambio de nome e sexo rexistral vixente desde o ano 2007.

Desde Galiza Nova queremos facer patente o noso máis firme rexeitamento fronte aos contidos deste documento e todas as formas de transfobia e transmisoxinia:

-As persoas trans non son unha teoría, a teoría queer é instrumentalizada para poder atacar ás persoas trans con impunidade. Os dereitos das persoas trans son dereitos humanos, non un posicionamento teórico abstracto que se pode debater sen consecuencias.

-O esencialismo de xénero e bioloxicismo ataca ás persoas trans e xa por isto debe ser rexeitado, pero tamén afecta moi negativamente a todas as mulleres e persoas LGBT

-A negación de que as mulleres trans sexan mulleres basease en moitos casos en que a súa experiencia vital é diferente da das mulleres cis, máis tamén o é a das mulleres lésbicas, a das mulleres negras ou a das mulleres con diversidade funcional.

-Os posicionamentos defendidos no documento son etnocentristas e coloniais. O xeito de entender a diferencia sexual é históricamente continxente e varía de unha cultura a outra.

A defensa das persoas trans é a defensa dos dereitos humanos máis básicos, e desde Galiza Nova afirmamos unha vez máis, o noso compromiso coa loita das persoas trans e de todo o colectivo LGBT e co feminismo.