PP: cartos públicos en xantares mentres expulsa á mocidade da Terra

O goberno do PP ribeirense volve un ano máis organizar o gran xantar do maior, unha macro comida de 1.000 persoas que lle custa á veciñanza de Ribeira case 42.000€, unha cantidade excesiva e mesmo obscena para gastala nun só día. Isto acontece mentres as nosas amizades emigran por falta de perspectivas e oportunidades laborais e as que ficamos vémonos empurradas, en moitas ocasións, a salarios baixos e/ou cunhas condicións precarias, por non dicir miserentas.

Acaso o PP non sabe a situación que atravesamos as mozas e mozos do noso tempo? Ou é que prefire mirar para outro lado e facer que o conto non vai con el? A indolencia do PP parece non ter límite, dedícase a mirar de brazos cruzados como a lacra da emigración expulsa ao exilio a milleiros de mozas e mozos que collen as maletas e procuran un futuro noutro lugar, un futuro que o seu goberno non lles dá.

A pouca vergonza destes gobernantes permítelles organizar, sen pudor algún, grandes xantares sen mover un dedo para reclamar unhas pensións dignas para as xubiladas galegas ás que lles organizan o banquete; que máis dará que cobren as pensións máis baixas de todo o Estado español?

Nos últimos anos, máis de 2.000 mozas tiveron que marchar do municipio

Durante os últimos anos, máis de 2.000 mozas e mozos de entre 15 e 35 anos (datos do Instituto Galego de Estatística) tiveron que marchar do noso municipio. Moitas destas persoas tiñan titulacións universitarias, uns estudos que pagaron as súas familias e a sociedade a través dos impostos, e para que serve todo ese esforzo? Pois para que outros países tiren proveito do talento e das grandes capacidades da nosa mocidade formada.

Existen no noso concello e na Galiza asuntos máis prioritarios nos que gastar 41.818€ que non son organizar festíns: dende a creación de microcréditos para a mocidade que desexe emprender o seu negocio, ata a rebaixa de impostos e taxas locais ás PEMES que xerasen emprego estábel.

Preguntémoslles ás xubiladas, prefiren ir de festa un día ou ver que as súas netas teñen futuro na súa terra? Saben que con eses 42.000€ se lle poderían subvencionar, tanto á mocidade como ás xubiladas, ata 60.000 viaxes a metade de prezo no transporte público?

Dende Galiza Nova e o BNG seguiremos denunciando a hipocrisía do PP e seguiremos propoñendo alternativas que permitan xerar riqueza, emprego e futuro para a mocidade, e mellor calidade de vida para a xente da nosa bisbarra.

 

    Elvira Blanco Pérez                                               Luís Pérez Barral
Responsábel de Galiza Nova na Barbanza                Vice-responsábel de Galiza Nova na Barbanza