“A precariedade laboral da mocidade galega” artigo de David Neira

David Neira é militante de Galiza Nova na comarca da Coruña, estudante e investigador na USC e traballador en precario.

Por que entendemos como preciso mobilizarse o vindeiro 19 de xuño na xornada nacional de loita convocada pola CIG o vindeiro 19 de xuño? A fría actualidade económica do noso país deixa cifras como máis dun terzo de paro na poboación activa entre 16 e 24 anos (36,5%) (IGE, 2018), e máis do 60% da poboación de 16 a 34 anos non poría ningún tipo de inconveniente en marchar ao estranxeiro por motivos laborais (IGE, idem). Isto é un indicador claro de que o goberno autonómico non ten nin os mecanismos nin a vontade de procurarlle un futuro digno á mocidade galega.

Alén de que isto nos poida parecer suficientemente grave de por si, a cousa non mellora se nos detemos a analizar o tipo de empregos aos que podemos acceder as persoas con pouca ou nula experiencia laboral porque decidimos continuar os nosos estudos (non formando  parte da poboación activa reflectida nos estudos anteriores se non se está buscando emprego de forma activa, pero precisando igualmente un sustento económico para poder ter unha vida digna, veña este de onde veña). Se atendemos ao tempo que pasa entre o ingreso das contías das bolsas e becas (xaneiro, febreiro, marzo…), e ao mes no comeza o curso académico (setembro), atopámonos con que as e os estudantes, con especial mención a aquelas que deben de cambiar de domicilio, han de poder sobrevivir 5 meses cos recursos dos que dispoñan inicialmente, ben sexan de seu ou familiares. Nos máis dos casos son as familias, e  as que non poidan garantir eses 5 meses como mínimo, non poden enviar ás súas fillas e fillos a estudar fóra. Así de sinxelo.

Nesta liña, entramos agora nas posibilidades deste colectivo para poder acceder ao mercado laboral. Cales son as posibilidades? Pois falamos, na meirande parte dos casos, de traballo precario e en malas condicións, cuns adxectivos ou outros (temporal, estacionario, por días e horas soltas, sen dar de alta na seguridade social, inestábel…). Unha das moitas consecuencias da crise económica, comentada por diversas autorías (Alarcón, 2016; Pérez e Jódar, 2017), é o aumento cuantitativo e cualitativo das matrículas universitarias. Por unha banda, a falta de postos de traballo no mercado laboral actual fixo crecer o número de persoas que ben decidíamos continuar os nosos estudos, ben volvían ás aulas coa chegada da recesión económica. Pola outra, houbo un aumento na contía a pagar destas, obstaculizando aínda máis o acceso a formación superior ás persoas con menos recursos. Entendemos, daquela, que a formación superior segue sen estar ao alcance de todas.

Se volvemos aos datos estatísticos, o IGE (2018) indica que na actualidade tan só un 13,16% das persoas entre 16 e 24 anos realizan ou realizaron algún traballo mentres cursaban os seus estudos (os que for, graos medios, superiores, universitarios…), mentres que se subimos na escala de idade, o 31,72% da poboación entre 25 e 29 anos posuía un emprego ao tempo que estudaba. O que se pretende por de manifesto é que unha das partes implicadas cumpre o seu parte do trato: as mozas e mozos galegos queremos traballar.

E dado que a Xunta está a converter Galiza no paraíso do turismo (porque investir na creación e desenvolvemento de sectores produtivos e que teñan un impacto real no desenvolvemento humano do país está sobrevalorado), a hostalaría é o principal destino de centos de mozas e mozos que queren comezar a súa andaina laboral (moi ben explicada polo compañeiro Pablo Ríos neste artigo), onde se deixa palpábel que un dos principais problemas derivados da temporalidade é a falta de conciencia de colectivo.

Os distintos órganos, entidades e seccións que conforman as institucións universitarias convocan ás veces unha serie de bolsas de traballo ou colaboración, para traballos ou investigacións puntuais. Nalgunhas, que non todas, o traballo das e dos bolseiros céntrase en traballo administrativo, burocrático ou de campo (sen mencionar as anecdóticas, pero existentes, “chicas e chicos do café”) para o que a institución non está disposta a contratar a ninguén en condición de estabilidade e dignidade. Reprodúcense así os mesmos roles da empresa privada nunha institución pública que debería estar ao servizo do coñecemento, pero sobre todo das galegas e galegos.

Non quería finalizar o artigo sen mencionar a que me parece a máis doente das situacións, quizais derivado de estudar Educación Social e serdes o Ocio e Tempo Libre un dos principais ámbitos de actuación desta. Un dos nichos de emprego estacionario máis explotados e baixo unhas condicións laborais desproporcionalmente abusivas polo mero feito de contratar xente nova son os campamentos de verán. En primeiro lugar, a normativa actual non obriga a que a totalidade do persoal que traballe para unha empresa de ocio e tempo libre estea en disposición do título de Monitor/a de Ocio e Tempo Libre, o que significa que non necesariamente teremos unha oportunidade laboral polo mero feito de ter o título (polo que hai que pagar!), posto que na nosa competencia estarán tamén todas aquelas persoas que non o teñan, pero que teñan unha relación coa persoa que xestiona as contratacións nesa empresa (case o 37% da poboación ocupada entre 16 e 34 anos consegue o seu emprego por esta vía). E entendemos importante concretar, ademais, que ao igual que sucede coa meirande parte dos oficios e profesións que teñen a ver coa formación, educación, instrución e/ou coidado de crianzas, estes son desenvoltos na súa meirande parte por mulleres.

En segundo lugar, os campamentos adoitan situarse en zonas concretas máis ou menos afastadas de grandes núcleos urbanos, polo que implica que hai que estar fisicamente. Así, xustificándose en que manutención e teito están garantidos, véndese como  oportunidade estrela do verán obter case o salario mínimo traballando entre 12 e 18 horas ao día (como anécdota, un rapaz, 22 anos, 8 días de campamento, 14 pratos de pasta con atún e tomate). E todo isto, sen contar o esforzo e desgaste físico de traballar ao aire libre con nenos e nenas, e a desproporción brutal no que as rateos de monitor/a – crianzas se refire.

E así é como as persoas que traballan de monitoras no verán, que igual lles gusta e quererían continuar nun futuro polo traballo con xente nova e adolescentes, baten contra a pasividade da Xunta. Resulta case imposíbel poder chegar a gañarte a vida algunha vez cun traballo restrinxido exclusivamente aos meses de verán e finais de primavera, onde o tempo e dedicación que precisa convérteno en incompatíbel con calquera outra actividade, tanto laboral, política, ou académica. En Catalunya por exemplo, teñen os esplais, entidades que poderíamos considerar similares aos centros socioculturais e/ou casas da xuventude, que son usadas para dinamizar á xente nova dos barrios e parroquias, e que están dotados con persoal profesional do tempo libre. Non son simples edificios que o único que teñen é un administrativo (ou un veciño coa chave), unha televisión e un par de consolas e unha mesa de ping pong, como sucedía en máis dun dos que tiven a oportunidade de visitar. Son centros cunha programación anual estábel, integrados no territorio, que tratan e coñecen á xente que alí vive, e que traballan en rede co resto de institucións e entidades que hai na contorna próxima. E si, no inverno tamén traballan.

Emporiso desde Galiza Nova chamamos á mobilización do vindeiro 19 de xuño, porque de verdade cremos que outro país é posíbel; porque non queremos traballos precarios, mal pagos, que non permiten sustento suficiente para poder ter unha vida digna. Non queremos un país de traballadores empobrecidos (que non pobres), que no mes de decembro teñen que escoller entre comer ou ter a casa a 20º; onde a historia demostrou que unhas malas condicións no posto de traballo, acaban por desembocar en malas condicións de vida, en enfermidades crónicas, estrés, depresión, hábitos pouco saudábeis… repercutindo todo elo na eficacia e eficiencia do Sistema Galego de Saúde (de momento[?]).