Brais Ruanova é o Responsábel Comarcal de Galiza Nova en Vigo e integrante da Dirección Nacional.

“Precariedade no sector comercial”, artigo de Brais Ruanova

Brais Ruanova é o Responsábel Comarcal de Galiza Nova en Vigo e integrante da Dirección Nacional.

Dende o sector comercial anímo a participar da xornada nacional de loita este 19 de xuño, porque somos un sector infravalorado a nivel de organización das traballadoras, mais cando nos organizamos demostramos que as cousas poden mudar, como así o fixeron as compañeiras do Bershka non hai tanto contra un grande do capitalismo mundial, Inditex.

Para comezar, o sector comercial é un dos sectores con maior temporalidade no emprego, no que a plantilla muda cada poucos meses para así evitarse a empresa facer indefinidas. Este é o novo “ser fixo”, a traballadoras de máis. Mais non só é o traballo temporal, que de dar estabilidade nada, senón que a contratación na meirande parte dos casos é a media xornada: 20 horas á semana, con subidas por esixencia de carga de traballo a xornada completa, o que se traduce en que por contrato cotizas a 20 horas á semana mentres traballas 40.

Dándolle continuidade á teima das horas, se hai empresas que pagan as horas extra, a min non me tocou, mais en moitos casos as horas son acumuladas nunha bolsa da que logo van devolvendochas como lle beneficie á empresa.

Xunto ca hostelería, o sector comercial é no que as traballadoras disfrutan de menos días festivos sen ter que traballar, isto sumado ás “festividades” creadas polo capitalismo, como poden ser o Black Friday entre outras, fan que as empresas se beneficien, sen iso se traducir nunha mellora das condicións das traballadoras nin, até o de agora, nun aumento da contratación indefinida no sector.

Todo isto trae consigo un problema de fondo, a sociedade de sobreconsumo que creou o capitalismo. Precisamos que as consumidoras e consumidores nos concienciemos da forza da que dispomos, se non hai consumo o capital se resínte, e cun capital resentido temos máis forza para loitar.

Desde o comercio debemos poñernos como obxectivo o recoñecemento das horas extra remuneradas en tódalas empresas, non nos rebaixar ás esixencias do capital e traballar en festivos co único obxetivo de satisfacer as necesidades ficticias de consumo que crea o capitalismo na clase consumidora e, sobretodo, que se respeten as horas traballadas á hora de cotización.

Este 19 de xuño, vémonos nas rúas da Galiza pola recuperación dos dereitos da clase traballadora.