Iria Carreira é a Responsábel de Lingua na Dirección Nacional de Galiza Nova

“Precisamos a lingua se queremos vencer!” artigo de Iria Carreira

Iria Carreira é a Responsábel de Lingua na Dirección Nacional de Galiza Nova

Un dos elementos que máis nos define como pobo é termos unha cultura e sobre todo, unha lingua propia, pois o idioma conta cun carácter identitario moi forte. “Falo galego porque son galega” é unha afirmación que aínda é común escoitar. O proceso españolizador que o galego vén experimentando dende o final da Idade Media responde a esta característica. Pretenderon durante séculos destruír o noso idioma mediante as súas tácticas de asoballamento, eliminándoo dos espazos públicos e acomplexando aos nosos falantes creándolles un sentimento de ignorancia e inferioridade.

Herdeiros de toda esta tradición, o Partido Popular e grupúsculos coma Galicia Bilingüe, continúan empeñados nesta tarefa. Estamos a asistir a un momento no que tanto os gobernos galego coma o estatal eliminan a lingua do ensino, baixo o argumento de dotarnos de maiores habilidades lingüísticas ao aumentar a presenza do inglés e español para relacionarnos cun maior volume de xente. Fano obviando o feito de que simplemente falando galego temos abertas as portas da lusofonía, 300 millóns de persoas coas que comunicarnos. Elimínano tamén das administracións; atopar o galego nas oficinas da Xunta, nos xulgados ou nas consultas dos hospitais é cada vez máis difícil. Obrigan á poboación galegofalante a aturar demoras inaceptábeis por exercer os nosos dereitos lingüísticos e demandar unha atención en galego, chegando en múltiples casos a vulnerar estes dereitos. Chegan incluso a demorar intervencións cirúrxicas por non ofreceren a documentación na nosa lingua. A cultura galega cada vez recibe menos subvencións e axudas públicas, privándonos de ver filmes galegos, reducindo as dobraxes ou directamente, devaluando ata límites insospeitados a calidade das emisións da canle de televisión pública, reducindo o galego a pouco máis que un elemento folclórico. Todo co fin de que o noso idioma desapareza.

Por iso dende Galiza Nova iniciamos a nosa campaña “Rebélate, fala galego!”. Sabemos que utilizar a nosa lingua neste contexto é un labor complicado. E aínda así vimos comentarios nas redes sociais dicíndonos que que acto de rebeldía era este se o galego é xa unha lingua oficial na Galiza. Certo é, contamos cun marco legal que nos ampara. Contamos cunha Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade polo Parlamento galego que o propio goberno incumpre sistematicamente. Contamos cun presidente coma Feijoo que non sabe falar galego, descoñece como se colocan os pronomes ou que no galego temos 7 vogais. Cuns alcaldes, que antes foron conselleiros, e descoñecen a toponimia do noso País e regálannos momentos tan significativos como aquel no que nun acto público falaba de “Desván de los Monjes”. E contamos tamén na Galiza cunha organización coma Galicia Bilingüe que non ten vergoña á hora de demandar que o ensino sexa totalmente en castelán.

“Somos un pobo vivo cunha lingua propia que resistiu a séculos de abandono e de prohibicións”

Somos un pobo vivo cunha lingua propia que resistiu a séculos de abandono e de prohibicións. As políticas do estado español e a Xunta do PP continúan este camiño. Pretenden exterminar o galego ou, cando menos, privalo do seu carácter identitario. Eliminar toda a conciencia nacional que a lingua leva implícita, que a lingua pase a ocupar un lugar semellante á gastronomía: coma un prato de percebes que esperta a admiración das turistas polo seu baixo prezo, mais non polo risco que corren os nosos mariñeiros no mar. Convertelo nunha peza de museo para admirar de vez en cando e do que fachendear cando nos visiten desde Madrid, en lugar de ser algo de uso diario entre toda a nosa xente.

A nosa lingua é a nosa identidade, é a nosa maneira de mirar o mundo e de situarnos nel. Xa o dixo Castelao: “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espirito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Espulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o povo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xusticia e chegáchedes a castelanizar bárbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vós valeu? Porque dispois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.”