‘precisamos unha boa política xuvenil que reactive a poboación en Rábade’

Fotografía_candidato_Rábade.jpg (1)Iván Sangiao é taekwondista e máis adestrador, mestre de educación física que nado en 1986 foi elixido pola asemblea de Rábade para encabezar a candidatura municipal do BNG – Asembleas Abertas. Conversamos con el sobre a situación da mocidade no concello e os retos do nacionalismo e a alternativa que defende.

-Por que decidiches presentarte como candidato á alcaldía?

-Foi un cúmulo de circunstancias, a máis relevante é ser conscientes de que Rábade precisa un cambio, que ese cambio debe vir pola senda do BNG – Asembleas Abertas; sendo unha formación bastante pouco arraigada nun concello conservador como Rábade e con bastante presión social por este último aspecto. Precisabamos alguén disposto a dar a cara polos veciños e veciñas, por esas voces tan precisadas de apoio e que soporte a presión, cando foi o momento non o dubidei e pensei en predicar co exemplo sendo a cabeza máis visíbel deste proxecto do que forma parte xente coma min, xente que ten ilusión e moitas ganas convertir Rábade en un pobo para as persoas.

-Como e por que decidiches participar no activismo político a través de Galiza Nova e o BNG?

-Porque creo firmemente na nosa identidade como pobo, como país, e tamén me gusta reivindicar a nosa propia historia, a nosa cultura que están a ser constantemente violadas polas políticas ultra conservadoras e neoliberalistas do goberno de Madrid. Debemos de defender o noso, dar valor ao territorio, á cultura, ao noso propio traballo e sen dúbida algunha que só hai un camiño para isto, e o camiño é co BNG e por suposto coa indiscutíbel actividade de Galiza Nova.

-Cales son as principais problemáticas que padece a mocidade no teu concello?

-Temos un concello dividido e inaccesíbel, que non está adaptado en ningunha circunstancia para a poboación envellecida que soportamos, tampouco para os novos nacementos. Non hai gardaría, biblioteca, centro de día… Non hai servizos esenciais nunha vila cun alto contido do sector industrial, servizos e arteriado por tres estradas principais e o ferrocarril, cunha densidade de poboación das meirandes da provincia. Tamén temos unha patente falta de actividade cultural, temos unha escola de música coa que o concello non colabora, unha mostra máis de que non hai comunicación, non hai nin transparencia nin participación cidadá e queremos cambiar isto. Cremos que dende o concello se debe servir á veciñanza e hai que comezar por artellar os servizos básicos e a accesibilidade dentro de Rábade.

-Que alternativas políticas xuvenís defende o BNG no teu concello?

Actividade, actividade e máis actividade. Hai moita disposición por parte de distintos colectivos e non se lles está a dar a oportunidade. Nós temos unha iniciativa para desenvolver xa a curto prazo, de xeito inmediato, e pasa por promover todas as fins de semana actividades culturais, deportivas, de ocio que den pé a mobilizar a xuventude. Contamos con colectivos musicais, artísticos, deportivos que nos dean pé a facer todo isto sen necesidade dun orzamento esaxerado ao tempo que coa actividade pretendemos dinamizar a vila. Temos unha poboación envellecida e cremos que unha boa política xuvenil que reactive a poboación axudará tamén a mellorar a felicidade e benestar entre toda a veciñanza, todo está correlacionado.

– Dado o estrangulamento que vive o sector galego do leite por mor das políticas da Unión Europea e do estado Español, como inflúe isto nas mocidade do teu concello e no seu futuro para poder traballar e non emigrar?

-Temos a moita xente con titulación superior emigrada, ben dentro do Estado español ou fóra pero que incríblemente, mentres son vapuleados polas políticas opresivas do PP seguen a defendelos aínda que estamos vendo un cambio de tendencia e coa nosa saída a escena ese cambio pretendemos que sexa maior. O reducido sector primario no noso concello aínda é máis reducido grazas a estas políticas, as explotacións pasan de pais a fillos e co custe económico e persoal que se está a soportar agora mesmo no agro a situación é insostible e estamos presenciando peches de explotacións.

-Cantos moz@s menores de 30 anos viven no teu concello? Como asentar poboación nova e que facer para que a mocidade non teña que marchar?

-Somos un concello que non chega ós dous mil habitantes, cunha poboación xuvenil que representa o 25% da vila. Estamos a ver como a afabilidade das persoas e a accesibilidade de comunicacións dentro de Rábade está a axudar a chegar a familias novas. Estamos a falar de familias que chegan atraídas pola comunicación e situación xeográfica, pola infraestrutura pero que se atopan cunha carencia de servizos total maila que reclamamos o uso de instalacións municipais que actualmente non teñen servizo, están sen actividade. Esa carencia é totalmente sabida na poboación de por si residente na vila e esa poboación é a que se vai, ben de xeito definitivo ou simplemente non atopamos como é o meu caso traballo na vila e temos que traballar fóra. Queremos cambiar isto e para eso necesitamos incentivar á veciñanza a quedarse ou de ser o caso, a vir a Rábade. Actividade e dinamismo son as recetas para esta enfermidade que temos.

-O PP está a eliminar centros de ensino, reducir as aulas de bacharelato e ESO e a ofrecer un transporte público moi deficiente. Canto tarda unha moza ou mozo desde que sae da case até chegar ao centro de ensino? Que defende o BNG-Asembleas Abertas a este respecto?

-Nós temos o instituto na vila, é unha vantaxe para nós, pero somos conscientes de que mozas e mozos de concellos e parroquias dos arredores teñen que percorrer máis dunha hora en bus co que isto supón en perda de tempo, descanso, etc. Nós queremos unha política de desprazamentos adecuada a cada zona, especialmente nas de máis difícil acceso. A educación é o piar básico da nosa sociedade e as horas que se perden no transporte, a falla de descanso, o aillamento do rural en si, vense sobredimensionados polo peche de escolas en núcleos de poboación que o precisan. Nós defendemos unha educación para todos e todas, un sistema educativo que non exclúa a ninguén, un sistema educativo que funcione contribuirá a unha sociedade que funcione. Está claro que nos posicionamos e posicionaremos totalmente en contra ó peche de escolas no rural.

-Dado o avellentamento poboacional, a mocidade de distintos concellos da túa comarca busca espazos comúns de socialización e lecer. Que problemáticas se atopan neste ámbito?

-Rábade ten espazos para atraer a poboación xuvenil a montóns. Temos un polideportivo municipal novo ó que non se lle está a dar uso. Un centro social no que se poden realizar actividades culturais, lúdicas, educativas, etc. que actualmente non está a gozar de movemento. Tamén contabamos con liñas de Noitebús venres e sábado, véndonos obrigados agora a usar o noso coche en caso de que o teñamos e o poidamos permitir para acceder a zonas de ocio próximas. A falta completa de actividade e promoción por parte da administración local está a provocar que a nosa xuventude participe noutros concellos, e non é por falta de espazos se non por inoperancia total e absoluta.

-O nacionalismo ten denunciado a rede clientelar e o caciquismo aínda presente na Galiza, con maior dureza nas áreas de Ourense e Lugo. Tes coñecemento desta realidade?

-Tivemos problemas para montar a candidatura, non por falta de personal se non porque moitas das persoas tiñan presións por parte da súa empresa, dos seus xefes e xefas ou incluso das súas familias. Dentro disto estamos a presenciar unha pequena persecución por parte dos partidos tradicionalmente maioritarios na zona. Aquí en Rábade temos unha conxunción de casualidades, temos unha poboación moi conservadora por un lado e moi arraigada a un estilo de caciquismo novo promovido polo partido que actualmente está no goberno local, que coloca e recoloca de xeito moi estratéxico ós seus afins manténdose así no poder por un puñado de votos, sen contar coas persoas e problemáticas do pobo.

Leave a Reply

Your email address will not be published.