PRENDAMOS LUME AO CAPITAL

Galiza Nova demanda a creación dun Plan de Emprego Xuvenil

e a derrogación das Reformas Laborais

 

Desde a organización xuvenil presentan unha campaña nacional de emprego baixo o lema: «Prendamos lume ao capital. Sen futuro, non temos nada que perder»

 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021. A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou a súa campaña nacional de emprego e denunciou a situación laboral da mocidade galega. Desde Galiza Nova sinalan que a situación pandémica agravou a situación de precariedade laboral da mocidade. Ao mesmo tempo, consideran que mentres Reformas Laborais do PSOE e do PP están facilitando que as grandes empresas aproveiten a posibilidade de acollerse a contratos temporais e aos baixos salarios para as súas traballadoras co obxectivo de maximizar os beneficios.

Baixo o lema « Prendamos lume ao capital. Sen futuro, non temos nada que perder«, a organización xuvenil nacionalista pretende concienciar á sociedade galega das eivas que teñen as Reformas Laborais aprobadas dende o Estado, tanto polo PSOE como posteriormente polo Partido Popular. Salarios baixos ou contratos temporais de curta duración son algunhas das características destas reformas que permiten ás grandes empresas obter o máximo beneficio.

Paulo Ríos afirmou que van moitos anos “sen que o goberno da Xunta de Galiza aposte pola xeración de emprego xuvenil de calidade”. Destacou ademais a reclama de Galiza Nova para que a xunta aposte pola mocidade cun “Plan de Emprego Xuvenil que aposte por crear emprego de calidade para a mocidade galega”.

Desde as mocidades do BNG destacan a dificultade que atopan os mozos e mozas da Galiza para iniciar un proxecto de vida propio, véndose abocadas a dúas opcións: a emigración ou a precariedade. Na última década emigraron da Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos, por falta de oportunidades laborais no noso país (segun datos oficiais do INE). Unha emigración forzada para tentar optar a un traballo nunhas condicións menos precarias que permitan acadar a emancipación económica.

O Secretario Xeral de Galiza Nova e deputado no Parlamento Galego esixiu “a derogación das contra-reformas laborais do Partido Popular e do PSOE” que segundo afirma “só afondan na precarización das traballadoras mentres blindan os privilexios das empresas”.  Desde a organización xuvenil do BNG reclaman que se garanta o futuro laboral da mocidade galega e gozar dun traballo estábel, continuado no ano e que non sexa estacionalizado.

Ademais afirmou que para acadar estes obxectivos “é necesario rachar co réxime actual, que imposibilita poder desenvolver a nosa vida e ter o futuro que merecemos”. Segundo Ríos, o único modo que conseguir “esa vida mellor, pasa por ter ferramentas propias que defendan os nosos intereses”.

 

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.