Presentamos a campaña nacional da Folga Xeral

Coa presenza da parlamentaria do BNG, Olalla Rodil e Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, xunto a integrantes da Dirección Nacional presentamos unha campaña nacional baixo o lema “Conquistar dereitos para gañar o futuro”, a prol da socialización da data da folga xeral convocada pola Confederación Intersindical Galega para o 19 de xuño.

Facemos un chamamento a toda a mocidade galega a secundar a folga xeral para loitar polos dereitos da clase traballadora e da mocidade galega. No vindeiro mes, a organización da mocidade nacionalista, realizará un intenso traballo ao longo do país popularizando a data entre a xente moza e chamándoa a rebelarse contra o imperialismo e o capital para loitar pola recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados, pola recuperación dos salarios, pola derrogación das reformas laborais e da lei mordaza, contra os recortes nos servizos públicos e os retrocesos das liberdades, así como polos dereitos das mulleres contra o sistema patriarcal.

Rodil chama a “lanzar a nosa propia moción de censura”, no só contra as políticas do PP senón tamén contra “esa perda de dereitos laborais e salariais que levamos padecendo durante os últimos anos”. Rodil, afirma que “non podemos aceptar un marco de relacións laborais asentado na precariedade, na temporalidade, na parcialidade e no feito de que ter un posto de traballo hoxe mesmo nin sequera garante que poidamos ter unhas condicións de vida dignas”.

Pola súa parte, o Secretario Xeral, Alberte Fernández, explicou que esta campaña ten como obxectivo socializar a data, para acadar unhas “mobilizacións masivas, como un feito de rebeldía contra o sistema que nos leva a vivir na máis absoluta precariedade mentres o gran capital segue gañando máis e máis”.