Presentamos a campaña por un transporte digno no Morrazo

Hoxe presentamos en rolda de prensa a campaña por un transporte digno no Morrazo na estación de autobuses de Cangas. Nela participaron o noso Secretario Xeral, Alberte Fernández, responsábel comarcal, Paulo Ríos (Kai) e unha representación do BNG a nivel orgánico e institucional.

Co gallo de chegar á mocidade da comarca, incidir en aspectos concretos e mellorar a calidade de vida material da mesma, dende Galiza Nova O Morrazo imos iniciar unha campaña de transporte destinada a por de manifesto as deficiencias no transporte da comarca do Morrazo. Unha mocidade activa, que participe do asociacionismo xuvenil e faga medrar a todos os niveis a nosa comarca, precisa dun transporte público á altura. Dende a firma do novo convenio de transporte entre a Xunta de Galiza e Monbús, a situación -xa mala- do noso transporte, empeorou cuantitativa e cualitativamente. Isto é: víronse reducidos horarios e liñas.

Dende Galiza Nova entendemos como elemento vital cohexionador e potencializador da vida social e produtiva da comarca, a existencia dun transporte público que cubra as nosas necesidades, tanto laborais como de lecer.

Outro dos puntos importantes polos que pular é denunciar a problemática derivada da non garantía, por parte da Xunta da Galiza, da gratuidade do servizo de transporte escolar ao estudantado do bacharelato e de FP. Na actualidade dánse casos en diferentes institutos de rapazada que ten complicada a súa asistencia por mor do transporte ao verse obrigada a pagar un servizo de autobús -ás veces de até 50 euros ao mes- para cursar os seus estudos de bacharelato ou FP. Actualmente o estudantado que cursa estudos postobrigatorios na comarca viaxa no transporte escolar dos centros de ensino ocupando prazas baleiras- é dicir- o seu transporte diario aos centros de ensino é dependente do número de xente da ESO que colla o autobús ese día. Esta situación de inestabilidade no servizo e inadmisíbel, combinada coa escaseza de liñas de transporte ordinarias que poida cubrir estas deficiencias. Se ben é certo que estes estudos son postobrigatorios, é unha reclama histórica do nacionalismo galego a ampliación e cobertura do ensino obrigatorio até os 18 anos.

A situación do transporte público no Morrazo é moi deficiente; Tanto as conexións coas cidades de referencia -Pontevedra e Vigo- como as conexións intracomarcais entre os distintos municipios da nosa comarca carecen dunha periodicidade aceptable nin mesmo un número de liñas que posibilite á mocidade do Morrazo, así como tamén ao conxunto da veciñanza, moverse dunha localidade a outra con comodidade ou directamente que teña posiblidade de facelo.

En relación ao que se expoñía anteriormente do espíritu cohesionados e potencializador da mobilidade da mocidade do Morrazo, esta campaña abrangue unha reivindicación como é a da recuperación do Noitebús na fin de semana. Ademais de garantir a posibilidade da mocidade ao acceso do lecer, o Noitebús, ten a lectura da prevención á hora de reducir posibles accidentes de tráfico derivados da condución baixo os efectos do alcol ou drogas. O Noitebús non só estaría destinado a cubrir un servizo destinado ao lecer, senón que é unha solución real a moitas mozas e mozos que traballan pola noite na hostalaría ou outro tipo de sector que requira de horarios nocturnos na comarca.

Reivindicamos para O Morrazo e para toda Galiza un transporte digno que non mire só para fóra e que atenda as nosas necesidades coma mozas galegas.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.