Preséntase a XV Asemblea Nacional de Galiza Nova

Baixo o lema “30 anos de loitas. Pasado, presente, futuro”, celebraremos o vindeiro día 24 de novembro a súa XV Asemblea Nacional en Compostela, co obxectivo de fortalecer o nacionalismo entre a mocidade e de analizar a traxectoria da organización ao longo das súas 3 décadas de traballo ao servizo da mocidade galega.

Galiza Nova actualizará nesta cita bienal do 24 de novembro a súa estratexia e discurso nacionalista, así coma a Dirección Nacional. Culminará un proceso xa iniciado de debate da militancia nas comarcas e localidades. Este está a ser un proceso participativo, pois ademais das militantes, tamén pode participar calquera moza interesada nas asembleas de debate previo nas comarcas para expresar a súa opinión. Nestes encontros debateranse sobre os textos e faranse propostas para integrar a nova Dirección Nacional da organización.

“Entre todas e todos decidiremos o rumbo da nosa organización nesta cita. Unha militante, un voto. Así funcionamos no BNG e en Galiza Nova, onde toda a militancia ten a palabra e o voto para decidir sobre o futuro da organización e as persoas que formarán parte da Dirección Nacional”, afirmou o Secretario Xeral, Alberte Fernández.

A xornada contará cun debate aberto no que toda a militancia e simpatizantes poderán participar na análise do informe político e traballo realizado, e no debate da tese política e de organización pola vía das emendas que a militancia está a presentar nos debates comarcais. Finalmente, será elixida a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral.

Os textos a debate foron aprobados xa pola Dirección Nacional de Galiza Nova e feitos públicos para poder acceder a eles a través da nosa web. No documento de análise política analízase o papel de Galiza Nova no movemento de liberación nacional de Galiza, a situación política de Galiza e do mundo tras estes dous anos e tamén se identifican as áreas de traballo preferentes para os vindeiros dous anos, tales coma a de emprego, vivenda, feminismo ou LGTBI, sempre encadradas dentro da reivindicación dunha Galiza soberana. A isto compleméntao un documento organizativo no que se propoñen medidas para seguir a reforzar a organización xuvenil nacionalista e ser quen de resolver as problemáticas que padecemos as mozas galegas a consecuencia da nosa dependencia como nación.

 “O que pretendemos é tamén darlle proxección pública a este proceso asemblear, promocionándoo e chamando a participar del a todas as mozas que queiran sumar ao movemento nacionalista na Galiza, para loitar contra España e o capital e construír esa Galiza ceibe pola que levamos 30 anos loitando.” Concluíu Alberte Fernández.