PROGRAMACIÓN FESTIGAL 2018

Un ano máis achégase o Día da Patria, e como cada ano, unha nova edición do Festigal os vindeiros 24 e 25 de xullo. Nesta XVII edición contamos cun cartaz musical diverso e con decenas de actividades distribuídas nestes dous días. Ademais, este ano contaremos cun espazo propio conmemorativo do 30 aniversario de Galiza Nova e celebraremos o 50 aniversario do Día da Patria Galega.

PROGRAMACIÓN

24 DE XULLO

Dende as 22:00, comezarán os concertos no Campus Sur de Compostela. Comezaremos cos gañadores do concurso “Novos Valores Festigal 2018”, The Lelli Kelly’s, que veñen desde o Morrazo co seu rock dos 50, 60 e 70. Seguirán a cantautora Sés co seu novo disco “Readmirando a condición” e posteriormente o grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo, que chegarán desde Ponteareas coas súas letras cargadas de crítica política. Para o peche das xornada do 24, contaremos con DJ Bambooh.

25 DE XULLO

O Café Concerto do 25 de xullo, iniciarase ás 17:00 no Campus Sur de Compostela, cos Viqueiras de Ordes e Cabezudos,  que farán un espectáculo de música tradicional con cabezudos. Mais tarde teremos a Sonia Lebedinski, co seu novo disco “Deserto de Centos” e para rematar contaremos coa Banda de Balbina para gozar de ritmos festeiros e da retranca propia do país.

PAVILLÓN E CONSIGNA

Haberá espazo para acampada no pavilllón da USC do Campus Sur na noite do 24 de xullo cun prezo simbólico de 4 euros, para o que cómpre inscribirse previamente en acampada@festi.gal. O pavillón estará aberto dende as 22:00 horas do día 24 até as 10:00 horas do 25 de xullo. No propio recinto do Festigal, o 24 e 25 de xullo, habilitarase un espazo cuberto no recinto de organización para que as persoas que participen na acampada deixedes as vosas mochilas. O horario podedes velo na páxina www.festi.gal/acampada/.

COA TÚA COLABORACIÓN FAS O FESTIGAL POSÍBEL: ANÓTATE PARA BOTAR UNHA MAN NO NACIONAL@GALIZANOVA.GAL ou premendo AQUÍ.