Proxección do documental “Costa das mulleres” en Camariñas

ActoCamariñas“Costa das mulleres” é un documental que convida a unha reflexión colectiva sobre o pasado, presente e futuro das mulleres traballadoras na Costa da Morte mediante un repaso da traxectoria de 20 mulleres da comarca que ispen a súa historia ante a cámara sen guións nin artificios. Fano co ánimo de compartir con mulleres e homes as súas vivencias e ilustrar dun xeito cru a verdadeira aventura de ser muller e traballar na comarca, e ter que lidiar co desemprego, a precariedade, a discriminación salarial, a imposibilidade de conciliar traxectoria laboral con coidado de familiares dependentes, a falta de apoio institucional… nun mundo que o patriarcado deseñou para que a muller sexa man de obra barata e coide da casa e da familia.
Mariñeiras, operarias, artesás, mariscadoras, empresarias, labregas, amas de casa, estudantes… e un longo etcétera vanse sucedendo ante a cámara para debuxar ao longo de 45 minutos a situación fidedigna con que se atopan no seu día a día. O documental foi estreado o pasado 7 de marzo en Cee, nunha merecida homenaxe que pretendía fuxir da onomástica puramente institucional na que está a converterse, e cada ano máis, o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora.

BNG e Galiza Nova da Costa da Morte continúan a presentar este proxecto colectivo polas localidades das mulleres protagonistas do documental. Este mes podemos velo na localidade de Camariñas, o sábado 10 ás 18:00 horas na Casa de Pedra.