Que non che rouben o nadal. Rachemos co traballo precario!

Esta mañá presentouse, en Compostela, a nosa campaña de emprego baixo o lema “Que non che Rouben o Nadal. Rachemos co traballo precario“. Con esta campaña achegaremos á mocidade galega o noso posicionamento ante as eivas que teñen as Reformas Laborais aprobadas dende o Estado, tanto polo PSOE como posteriormente polo Partido Popular. Salarios baixos, contratos temporais de curta duración e mesmo horarios abusivos que inclúen domingos e festivos: son algunhas das características destas reformas que permiten ás grandes empresas obter o máximo beneficio.

Nestas datas concéntrase e elévase o consumo. Nunha economía centrada no sector servizos como a nosa, na que deliberadamente se desmantela o sector primario e industrial, estes traballos son a única vía de ingresos para unha gran parte da mocidade. Os grandes comercios das cadenas produtoras provocan que o pequeno comercio non poida asumir un réxime de horarios tan amplo e, polo tanto, non poidan competir. Asemade, isto trae como consecuencia engadida que as grandes superficies vaian substituíndo ao pequeno comercio e deixando baleiro os baixos do centro das cidades e vilas do país.

Dende Galiza Nova demandamos a derrogación das Reformas Laborais para recuperar os dereitos laborais da clase traballadora así como a creación dun Plan de Emprego Xuvenil, que tamén defende o BNG, e garantir o futuro laboral da mocidade galega e gozar dun traballo estábel, continuado no ano e que non sexa estacionalizado nestas datas.