QUE NON NOS ROUBEN O NADAL! RACHEMOS COS AGASALLOS SEXISTAS!


Un ano máis, achégase a tan esperada noite de Reis para milleiros de crianzas que se erguerán coa satisfación de ter cumplido os seus desexos de recibir aquela cantidade inmensa de xoguetes que semanas antes se mostraban nos catálogos dos buzóns de toda casa, nos anuncios da televisión e en propagandas varias. 


É moi común que nas grandes superficies os xoguetes aparezan en distintos corredores segundo o xénero e atopámonos con revistas con páxinas rosas cos xoguetes supostos “para nenas” e páxinas azuis cos de “nenos”. Ademáis, na meirande parte dos catálogos, a presenza dos nenos nas fotografías é bastante maior que as da nenas que xa desde crianzas ficarán sen referentes femininos. 


Mais isto non é máis que o reflexo dunha sociedade que simplemente espera que as súas nenas se convirtan nas que entreteñan, maquillen, peiteen, estexan guapas, coiden, casen e obedezan. E en contraposición aparecen xoguetes que potencian as capacidades que semella que só lles corresponden aos nenos: fortaleza, liderazgo, psicomotricidade, imaxinación, creatividade, competición… Unha cantidade inmensa de xogos que sosteñen a construcción do xénero e serven de instrumento para seguir a reproducir os distintos estereotipos patriarcais.


Ademáis, non podemos continuar a tolerar que se castigue a aqueles que son capaces de rachar cos roles con actitudes machistas, ademáis de plumofóbicas e homofóbicas, contra os nenos que non xogan co que “se estipula” que é para eles.


Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova queremos mostrar a nosa oposición fronte a este fenómeno, onde o capitalismo se amosa máis claro que nunca perpetuando non só o traballo precario con salarios baixos, contratos temporais e horarios abusivos senón tamén fronte a inmortalización dos roles de xénero. Nestas datas, patriarcado e capital reafirman a opresión da muller e a LGBTfobia xa desde a infancia coa reproducción dos roles sexistas e violentos patentes nesta sociedade. 


Que non nos rouben o Nadal! Rachemos cos agasallos sexistas!