Quen non se move, non sente as cadeas. Rosa Luxemburgo

rosa bnUn día coma o de hoxe, hai 97 anos era asasinada pola dereita, en Berlín, a revolucionaria Rosa Luxemburgo xunto con Karl Liebknecht. Exiliada desde os 18 anos pola súa militancia comezou a loitar desde moi nova para botar abaixo o imperialismo, o colonialismo e o capitalismo polo seu trato deshumano, buscando un mundo máis xusto, sen explotación.

Hoxe non só conmemoramos o aniversario da súa morte, se non a vixencia do seu discurso e da súa acción. Nun momento no que o imperialismo máis agresivo pecha as fronteiras a millóns de refuxiad@s que foxen da guerra en Siria. Cando sufrimos un colonialismo na nosa pel día a día que nos empobrece e espolia os nosos recursos. No que o capitalismo se agocha detrás dun xenocidio financeiro que desafiuza a familias todos os meses e desmantela os nosos sectores máis punteiros. E no que ao igual que fixo Rosa, non disimulamos nin agochamos o noso pensamento, seguimos firmes na procura dun país máis xusto e solidario.

O traballo de mulleres coma o de Rosa Luxemburgo, Alexandra Kollontai, Inessa Armand ou Clara Zetkin entre moitas outras máis, axudaron a construír tamén un mundo mellor para as nós, as mozas. As mesmas que sufrimos as políticas “anticrise”. Esas que non son máis ca un eufemismo para agochar a realidade dos ataques ás mulleres con políticas antisociais que atentan contra os dereitos recoñecidos da clase traballadora. Cando falamos de Rosa, falamos pois, dunha muller revolucionaria, comunista, incansábel loitadora por un outro sistema económico que superase a opresión capitalista que relegaba e relega ás mulleres a un plano secundario.

É por iso, polo que nun contexto de total colonialismo do noso país que o único que provoca é desemprego, emigración e precariedade salarial e laboral é moi importante ter presente a figura de Rosa Luxemburgo, non só desde un punto de vista conmemorativo, se non tamén como unha cuestión de loita e reivindicación de clase. As mozas e mozos de Galiza Nova, ao igual que Rosa seguiremos loitando por un mundo no que sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.