“Rebélate, Escribe en galego” consulta as bases do certame

Co fin de promover o emprego oral e escrito da lingua galega e, en concreto, de fomentar a creación na lingua propia do noso país, pomos en marcha o certame de relato curto “Rebélate, escribe en galego”. Consideramos escribir e crear cultura en galego un acto de rebeldía, dadas as trabas e inxustizas que día a día temos que superar as persoas que decidimos expresarnos con naturalidade na nosa lingua.

Animámoste a participar deste certame enviándonos o teu relato, de temática libre, escrito en galego. O relato gañador está premiado cunha fin de semana para dúas persoas na casa rural de Vilaframil (Ribadeo). Ademais, a obra gañadora e máis a finalista serán publicadas no semanario Sermos Galiza.

O prazo para entregar o teu relato remata o 10 de setembro de 2017, e a entrega de premios terá lugar o 22 de setembro en Pontevedra.

Consulta as bases:

  1.  Poderá concorrer ao certame calquera persoa menor de 30 anos.
  2. Cada persoa poderá presentar un ou varios relatos, até un máximo de tres relatos por autoría.
  3. Todas as obras deben ser escritas en lingua galega.
  4. A obra gañadora e máis a finalista serán publicadas no semanario Sermos Galiza.
  5. O relato gañador está premiado cunha fin de semana para dúas persoas na casa rural Benito de Vilaframil (Ribadeo), nunha data a convir co estabelecemento.
  6. As obras aspirantes terán unha extensión máxima de 500 palabras, serán inéditas na súa totalidade e non premiadas noutros concursos. A temática será libre.
  7. As obras deben presentarse en formato pdf e baixo pseudónimo. Noutro documento figurarán os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos da persoa autora da obra; idade, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
  8. Os traballos deberanse enviar por correo electrónico a nacional@galizanova.gal, indicando no asunto: Certame de relato curto. Prazo de envío: até o 10 de setembro de 2017.
  9.  Resolución do premiado: Un xurado composto por escritoras en lingua galega e persoas do ámbito da cultura elixirá o relato gañador. Dito relato gañador coñecerase o 22 de setembro en Pontevedra, nunha grande festa – concerto organizada por Galiza Nova en defensa da lingua.

– Galiza Nova presupón que as persoas concursantes son autoras dos relatos que presentan, e declina calquera responsabilidade respecto á infracción desta norma.

– Galiza Nova poderá difundir os relatos a concurso a través da web e redes sociais e resérvase o dereito de os publicar e reproducir, facendo mención ás persoas autoras destes.

– Todas as persoas participantes, polo feito de o seren, aceptan integramente estas Bases, así como a resolución de calquera problema non recollido nelas, que Galiza Nova estimar oportuno.

– O xurado non aceptará a concurso materiais que incumpriren estas bases ou que foren ofensivos e/ou representaren valores contrarios aos promovidos por Galiza Nova. Así mesmo, o xuri resérvase o dereito de declarar o premio deserto se os traballos presentados non tiveren calidade suficiente.

One Response

Leave a Reply

Your email address will not be published.