Rebélate este 17 de maio en Compostela!

Como cada día das Letras Galegas, a plataforma cidadá Queremos Galego convoca ao pobo galego manifestarse esta quinta feira ás 12.00h na Alameda de Compostela para reivindicar o noso idioma. Esta mobilización pretende denunciar as dificultades que temos as galegofalantes para desenvolvernos no noso día a día na nosa lingua. Poñernos en pé e falar galego é claramente un acto de rebeldía, un acto de insubmisión e autoafirmación do propio fronte a un sistema colonizador e inxusto que intenta someter a nosa identidade como pobo privándonos da lingua.

Cómpre tamén saír ás rúas para denunciar as políticas lingüicidas do goberno da Xunta, que continúa no seu teimudo afán de destruír o noso idioma, facéndonos burla mentres enche peito nos xornais vendéndose como o seu gran defensor. Malia o desamparo institucional e a agresividade sistémica que a Xunta do Partido Popular aplica sobre a cultura galega, mantendo o noso País nun 155 lingüístico de facto e convertendo o galego na única lingua do estado que perde falantes, o pobo galego vén realizando un traballo incesante na loita por manter viva a súa lingua. Precisamos medidas reais que nos permitan vivir en galego día a día; no ensino, nos medios de comunicación, no audiovisual, na xustiza, na sanidade, nas rúas. 

Por iso chamamos a toda a mocidade galega a encher as rúas de Compostela nun berro en defensa do noso idioma. A lingua é o elemento que nos une como pobo, que nos diferencia claramente dentro dun contexto de globalización. Nun momento coma o que estamos a vivir, no que o estado español busca ferozmente eliminar calquera trazo identitario das nacións ás que domina, defender a nosa lingua é defender a Galiza fronte o seu asoballamento. A nosa rebeldía é máis importante ca nunca, o galego precisa de todas nós para continuar resistindo despois de tantos séculos de ataques.  Non podemos dar pasos atrás na loita polo idioma, é máis necesario ca nunca ateigar as rúas, precisamos a lingua se queremos vencer!

Na web de Queremos Galego indícanse os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que queiran acudir a Compostela a esta xornada de loita pola plena normalización da lingua galega.

Rebélate, fala en galego día a día!