Rebélate, organízate e loita por unha Galiza Ceibe

Xa nas rúas de Galiza a nova campaña nacional de Galiza Nova “Rebélate, organízate e loita por unha Galiza Ceibe” coa que aspiramos a organizar a rebeldía para loitar por un futuro mellor para a mocidade galega, un futuro que só é posíbel nunha Galiza independente.

Esta campaña tamén contén as “50 medidas para liberar a mocidade galega”, cuestións relevantes que son necesarias para a mellora das nosas condicións de vida.

REBELÁMONOS

As mozas de Galiza Nova rebelámonos contra este sistema cruel que nos condena á precariedade laboral e ao desemprego, á emigración e a ser dependentes economicamente, a non poder emanciparnos mentres as grandes fortunas seguen a medrar á nosa costa. Un sistema que nos expulsa do ensino público por non poder pagalo e que devalúa a súa calidade, impide que poidamos vivir plenamente na nosa lingua, e que reprime mediante a violencia policial todo movemento que ameace a persistencia deste réxime antidemocrático. Rebelámonos contra feminicidio e as agresións machistas, contra a LGTBIfobia, e contra toda discriminación por mor do noso xénero ou a nosa sexualidade.

Rebelámonos, en definitiva, contra España e o capitalismo neoliberal, que mediante a súas políticas despiadadas e imperialistas, impiden que o noso país poida desenvolver as súas capacidades plenamente, o que repercute nas nosas precarias condicións materiais de vida coma mozas galegas.

ORGANIZÁMONOS 

Organizámonos, porque a forza transformadora e revolucionaria da mocidade só pode ser canalizada a través da organización para acadar a nosa vitoria nesta loita por un futuro mellor.

Organizámonos para loitar: en cada centro de estudos ou de traballo, vila, cidade ou parroquia do país é necesario que a voz da mocidade se faga escoitar.

Unicamente co esforzo de moitas persoas seremos quen de transformar a realidade, de construír un país novo ao servizo das clases populares e da mocidade galega.

LOITAMOS

Loitamos por un futuro mellor para a mocidade, un futuro con traballo digno e ensino garantido, no que poidamos vivir plenamente en galego. Loitamos por construír unha Galiza na que as mozas non teñan que ter medo ás agresións machistas, na que a mocidade non sexa criminalizada e perseguida polas forzas de represión, na que os dereitos das persoas do colectivo LGTBI estean garantidos e que poña fin á calquera tipo de explotación.

A Galiza que soñamos só será posíbel se contamos con soberanía nacional para poder aplicar políticas beneficiosas para o noso pobo. Para iso é necesario rachar con España, a Unión Europea e o sistema capitalista que nos negan a nosa soberanía e son os causantes da nosa situación de dependencia. Por iso loitamos pola constitución dunha República Galega independente cunhas institucións que sirvan unicamente ao pobo e a mocidade galegas, rematando así coa súa miseria e o seu agravio.

Loitamos por unha Galiza ceibe e popular na que poidamos vivir en liberdade, na que teñamos un futuro mellor.

REBÉLATE, ORGANÍZATE E LOITA CON NÓS!

Leave a Reply

Your email address will not be published.