Reboiras vive na mocidade nacionalista

monchoCada 12 de agosto, Moncho Reboiras  habita intensamente o pensamento e o corazón da mocidade nacionalista. Xosé Ramón Reboias Noia é o eterno compañeiro e militante nacionalista, asasinado a mans da policía española cando tan só tiña 25 anos. A máis grande das homenaxes a Moncho é e seguirá a ser continuar a súa loita, sen renuncias. Por iso Galiza Nova chama a mocidade nacionalista a seguir loitando polos principios polos que Moncho foi asasinado: temos que continuar a fortaler día a día a autoorganización do pobo galego e o proxecto nacionalista, combater sen tregua as inxerencias españolas e a quen nos pretende titorizar, actuar con habilidade, valentía e corazón pola liberación da nosa Patria e das clases traballadoras. Non renunciamos a Reboiras, non renunciamos á Patria Galega!

Para coñecer máis sobre a vida, pensamento e acción política de Reboiras, deixámosvos o seguinte texto autoría de Manuel Mera, Director da Fundación Moncho Reboiras.

Moncho Reboiras Noia criárase en Teis, un dos barrios máis populares de Vigo, moi preto da factoría Vulcano. Polo seu traballo de electricista, durante a década dos 70 viviu tamén noutras cidades galegas. O 12 de Agosto de 1975, foi asasinado pola policía franquista nun portal da rúa da Terra en Ferrol, a poucos metros do edificio do Concello, despois dunha persecución polos tellados de varios edificios. Reboiras era unha persoa nova, tiña 25 anos, de face sorrinte, cun engado persoal evidente, sempre disposto a traballar polo país, a escoitar máis que falar, e que sabía o que quería.

Contrariamente ao que algúns poderían pensar polas circunstancias nas que morreu, Reboiras non era unha persoa que considerase como principal a actividade armada da Unión do Povo Galego, partido ao que pertencía. Por esta razón, o seu partido encargoulle anos antes participar na organización da Fronte Cultural e posteriormente da Fronte Obreira. Moncho foi un home que destacou pola súa actividade no eido político e reivindicativo. Dende a Fronte Obreira impulsouse o nacemento dos xermolos sindicais en varias cidades, e estes deron lugar en maio de 1975, poucos meses antes da súa tráxica morte, ao nacemento do SOG e do periódico Eixo como voceiro do sindicato.
A fundación do SOG, e doutros sindicatos como a UTEG, puxo as bases da que sería a máis forte das organizacións do nacionalismo, e que daría lugar andando o tempo ao que hoxe é a nosa central sindical, a CIG. A súa participación destacada na autoorganización da clase traballadora galega foi recoñecida pola Confederación Intersindical Galega renomeando a súa fundación de estudos e formación sindical, co seu nome: Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza.

De vivir, Moncho Reboiras sería sen dúbida hoxe un dos dirixentes do nacionalismo, un referente. Tiña todas as calidades para selo. Era un home do povo, disciplinado, aberto ás novas ideas, de fácil relación cos demais e, fundamentalmente, unha persoa solidaria e que loitaba desde un proxecto de masas pola xustiza social e os dereitos nacionais de Galiza. Unha parte do que é hoxe o nacionalismo e das liberdades democráticas (aínda que limitadas e en retroceso), debémosllas a el. O seu asasinato foi un revulsivo, especialmente entre a mocidade. Unha vida a imitar e unha demostración da coherencia, que colocou o movemento nacional popular galego como referencia política nunha conxuntura decisiva.

Mais Moncho non era un caso illado. Formaba parte dun partido de xente moza, atrevida e entregada, teimosa, procedentes das clases populares, que tiñan como obxectivo principal da súa vida a liberación nacional e social de Galiza. Moncho Reboiras, ademais dun exemplo persoal, representa a todos e todas aqueles que na dura etapa do franquismo senil fixeron posíbel que o nacionalismo das clases populares sexa hoxe unha realidade. Non foi unha excepción, senón alguén que estivo na primeira liña de loita contra a opresión. Hoxe a 40 anos do seu asasinato pola ditadura, lembremos a súa caída coa mellor homenaxe, continuando a súa obra.

Manuel Mera
Director da Fundación Moncho Reboiras

Leave a Reply

Your email address will not be published.