Reivindicamos o dereito de autodeterminación a menos de 48 do referendo catalán.

Na tarde de hoxe, a menos de 48 horas da celebración do referendo de autodeterminación en Catalunya, no que o pobo catalán decidirá o seu futuro, dende Galiza Nova realizou unha votación simbólica e simultánea en Allariz, Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Moaña, Ribeira, Pontevedra e Vigo na que participaron mais de 700 persoas.

Deste xeito Galiza Nova amossou o seu apoio á convocatoria de referendo de independencia deste domingo en Catalunya, atopando incluso a oposición do goberno do PP en Ribeira, onde as integrantes de Galiza Nova foron identificadas pola policía española nun intento de impedir realizar a votación. Tamén en Moaña, grupos organizados vinculados ao Partido Popular pretenderon boicotear a realización da votación. Pese a todo, Galiza Nova reivindicou os dereitos de Galiza como nación e o seu dereito á autodeterminación para mellorar a calidade de vida da mocidade e o pobo galego.

Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, declarou que esta votación simbólica foi un “acto de prostesta e de defensa das liberdades democráticas fronte a actitude ditatorial, violenta e antidemocrática coa que está actuando o estado español”, unha actitude que califica de “máis regresiva en canto aos dereitos democráticos do que nos ten acostumados o goberno español”.

Segundo Alberte Fernández, a postura de Galiza Nova é clara, “a loita que enfronta o pobo catalán cara a independencia é tamén a loita do pobo galego, pois representa unha fenda nesta cárcere dos pobos que é o estado español, onde a única alernativa á precariedade laboral é a emigración”. Deste xeito, e continuando cos actos que xa tiveron lugar nas últimas semanas Galiza Nova reafirma o seu apoio ao referendo de Catalunya e reivindica o dereito de autodeterminación para Galiza que consideran “precisa de independencia tanto como Catalunya”.