Reivindicamos o día da visibilidade lésbica galega

Hoxe cúmprense 116 anos do primeiro casamento lésbico documentado na Galiza e no estado español. Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901 na igrexa de San Xurxo da Coruña. Para isto, Elisa fíxose pasar por Mario, un mozo inglés. Mais rapidamente aparecen as sospeitas ao comprobar os veciños o parecido físico entre Elisa e Mario. Isto dá comezo a unha campaña de persecución alentada pola prensa da ultradereita chegando a haber unha orde de busca e captura, e as mozas teñen que fuxir a Portugal. Alí son capturadas e xulgadas, e como despois da súa liberación continúan a ser perseguidas pola veciñanza e a prensa, Marcela e Elisa acaban por marchar a Bos Aires.

A historia de Marcela e Elisa convertiuse nun símbolo internacional por se tratar do primeiro matrimonio lésbico do que se ten rexistro. Desde hai anos o movemento LGTBI galego vén desenvolvendo homenaxes a Marcela e Elisa coincidindo coa data do seu casamento a través dos que dar visibilidade á diversidade sexual e de identidade de xénero mais tamén continuar a defender os dereitos do colectivo LGTBI, especialmente das mulleres.

Son moitos os lugares do mundo onde as persoas LGBTI continuamos a ser xulgadas e condenadas pola nosa sexualidade e o noso xeito de relacionarnos. No Estado español existe o chamado o matrimonio igualitario, mais iso non se traduce en normalidade e respecto. Aínda temos que sufrir discriminación en tódolos ámbitos da vida social, e mesmo sufrimos agresións verbais e físicas polo feito de sermos quen somos.

É por isto que a Asemblea LGTBI de Galiza Nova acordamos instaurar este día como o día da visibilidade lésbica galega. As mozas lésbicas de Galiza Nova denunciamos a cuádruple opresión que experimentamos: somos mulleres nunha sociedade machista e patriarcal, a nosa sexualidade racha coa heternonorma, de clase obreira nun sistema capitalista, e galegas nun estado que nega a nosa soberanía nacional. Todo isto conclúe nunha invisibilización na que se ocultan todas as nosas problemáticas específicas negando a nosa realidade.

É preciso lembrar que boa parte desta invisibilización e discriminación vén causada directamente polas políticas heteropatriarcais e reaccionarias dos diferentes gobernos do Partido Popular. Cómpre pór de manifesto a invisibilización que padecemos dentro do sistema sanitario, ao acceder ás consultas xinecolóxicas,ou aos tratamentos de reproducción asistida.

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova demandamos unha educación afectivo-sexual de calidade para as mozas galegas, na que se visibilice a nosa diversidade sexual e identidade de xénero. Avogamos tamén pola superación deste modelo de familia cheo de preconceptos e categorías que fomenta o sistema heteropatriarcal. Na nosa loita por unha república galega non perdemos o noso compromiso por conseguir unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidadaria na que ninguén sexa disciminado pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Sexualidade non é heterosexualidade, defendamos con orgullo o noso lesbianismo!