Reivindicamos que a Illa de San Simón volva ser a “Illa da Memoria”

Acción de Galiza Nova e o BNG na Illa de San Simón

Hoxe, domingo 17 de setembro, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, realizou unha visita reivindicativa á Illa de San Simón. Ao chegar á Illa, o deputado nacionalista Luís Bará, experto en memoria histórica, acompañou ás asistentes das XXVIII Xornadas de Verán da Mocidade Galega pola Illa, nun roteiro que permitiu coñecer en vivo e en directo os lugares onde actuaba cruelmente o franquismo, e que acontecía realmente na Illa, usada como campo de concentración durante a ditadura.

“Denunciamos de maneira xeral a equidistancia que o Partido Popular mantén con todas as cuestións referidas a condenar todas as actuacións do réxime franquista”

 

Ao mesmo tempo, as asistentes despregaron unha pancarta reivindicativa na que se esixiu que dita Illa volva ser “Illa da Memoria”. “O primeiro decreto asinado polo goberno bipartito cando chegamos ao poder, foi o que declaraba o ano 2006 “Ano da Memoria” e posteriormente á Illa de San Simón como “Illa da Memoria”, título que lle retirou o Partido Popular cando Feijóo chegou á Xunta no 2009” afirmaba Luís Bará. “Denunciamos de maneira xeral a equidistancia que o Partido Popular mantén con todas as cuestións referidas a condenar todas as actuacións do réxime franquista” engadiu o deputado nacionalista.

 

Así mesmo, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, lembrou que “calquera persoa que non coñece a súa historia, está condenado a repetila”. Tamén dixo que “non debemos esquecer a todas as vítimas da ditadura franquista, que non foron só ao comezo da mesma, xa que ate a morte do ditador se seguiron producindo de maneira sistemática, como por exemplo os casos dos traballadores Amador e Daniel no 1972, e o de Moncho Reboiras no 1975”.

Leave a Reply

Your email address will not be published.