Resolucións da Dirección Nacional de Galiza Nova

Publicamos as resolucións da xuntanza da Dirección Nacional de Galiza Nova que tivo lugar o pasado sábado 17 de febreiro na cal analizamos o actual contexto político e trazamos as liñas de actuación de Galiza Nova a nivel nacional nos vindeiros meses.

30 aniversario de Galiza Nova e preparación do Día da Patria 2018

Ademais de analizar o traballo realizado nestes últimos meses e avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos que nos marcamos na anterior xuntanza, o tema fundamental da dirección foi a aprobación do plano de traballo para unha grande campaña arredor do 30 aniversario da nosa organización. Nesa liña, fixamos xa como punto central da campaña o Día da Patria deste ano 2018, así como aprobamos incluír na liña discursiva e de imaxe as XXIX Xornadas da mocidade galega, así como a XV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que previsibelmente será convocada para novembro deste ano.

Tras o debate dado tamén a nivel comarcal e nacional e ante a falta de consenso na análise de determinadas cuestións que condicionarían a convocatoria no 2018 coas organizacións xuvenís Isca e Briga, na Dirección Nacional de Galiza Nova aprobamos non participar desa hipotética mobilización neste ano e potenciar tanto a Homenaxe a Rosalía e Castelao, que neste 2018 será o acto central da campaña de celebración do 30 aniversario de Galiza Nova, así coma a II Edición da Ruada pola Independencia.

Coa folga de mulleres do 8 de marzo: Feminismo sen tregua para liberar Galiza

Ademais, reafirmamos o noso compromiso como Dirección Nacional no apoio ás actividades da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, da CIG, e do conxunto do movemento feminista galego cara a folga convocada este 8 de marzo para reivindicar unhas condicións de vida dignas para as mozas galegas, así como a nosa participación na manifestación nacional convocada para o vindeiro 4 de marzo en Vigo.

Na defensa da lingua propia: Rebélate: fala galego

No eido da lingua aprobamos darlle continuidade a campaña “Rebélate, fala galego”, iniciada xa no ano 2017, que puxo de actualidade as dificultades que a mocidade galega atopamos á hora de querer expresarse na nosa lingua, así como participar de todas as mobilizacións que se impulsen dende a plataforma Queremos Galego de cara o 17 de maio.

Outras cuestións tratadas na xuntanza

Por último tamén se aprobaron o informe financeiro do exercicio do 2017 e o orzamento do 2018, ao tempo que chamamos a participar da homenaxe realizada no 10 cabodano do histórico dirixente do nacionalismo Lois Obelleiro, esta fin de semana en Soutomaior.

Leave a Reply

Your email address will not be published.