Resolucións da Dirección Nacional do 16 de xuño do 2018

Publicamos as resolucións da xuntanza da Dirección Nacional de Galiza Nova que tivo lugar no sábado 16 de xuño, na cal analizamos o actual contexto político e trazamos as liñas de actuación de Galiza Nova a nivel nacional nos vindeiros meses.

NOVO CONTEXTO POLÍTICO: MOCIÓN DE CENSURA E CAMBIO DE GOBERNO NO ESTADO

Dende a anterior Dirección Nacional resulta evidente o cambio no panorama político estatal que se deu tras a publicación da sentencia da trama Gürtel a nivel estatal que condenou o PP como organización criminal.

Tras estes acontecementos no parlamento estatal deuse o debate da moción de censura, na cal se conseguiu grazas a unha correlación de forzas que xa existía dende as pasadas eleccións xerais do 2016 pero que non se puxeron dacordo nin para desaloxar ao PP do goberno nin para derrogar as medidas máis prexudiciais para o pobo galego durante estes dous anos. Deste xeito puido constatarse a total desaparición de Galiza no debate ao non existir presenza do nacionalismo galego no estado.

O resultado desta moción de censura é o da conformación dun goberno do PSOE, unha das patas máis fortes do réxime español do 78, e que sen dúbida non atenderá as necesidades da mocidade galega, posto que non derrogará as reformas laborais, a Lei Mordaza ou a LOMCE. Porén, cunha política de xestos e un marketing moi acertado, este novo goberno está a conseguir xerar ilusión e esperanza en certos sectores do pobo galego. É a nosa tarefa analizar este novo contexto político para saber como actuar na liña de desenmascarar este novo goberno como o que é, un goberno ao servizo do imperialismo español e do capital transnacional.

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA NACIONAL

Na xuntanza tamén foi convocada a XV Asemblea Nacional de Galiza Nova para o vindeiro 24 de novembro. Ficou aprobada por unanimidade a documentación para dar comezo ao proceso asemblear: o calendario, os obxectivos, o regulamento e a proposta de esquema de teses.

CAMPAÑA DO 30 ANIVERSARIO E DÍA DA PATRIA

Cara o día da Patria, momento no que celebraremos a campaña do noso 30 aniversario foi aprobado por unanimidade un calendario de traballos que inclúen a convocatoria de asembleas comarcais en todas as comarcas para analizar o novo contexto político do estado así como organizar os traballos de cara a segunda edición da Semana da Patria, que este ano se celebrará en todas as comarcas da nación do día 16 ao 22 de xullo.

Do mesmo xeito fíxose referencia ao 50 aniversario da primeira manifestación do Día da Patria Galega que se convocou no ano 1968 polo nacionalismo galego na altura, e a importancia neste ano de darlle difusión a este acontecemento, o que o fai un Día da Patria máis importante se cabe que habitualmente.

Tamén dentro da campaña do 30 aniversario, posto que a temática estará centrada nos 30 anos da nosa organización, foi aprobada a proposta de Xornadas de Verán, que terán lugar a terceira fin de semana de Setembro na comarca do Morrazo.