Resolucións da Dirección Nacional do 19 de Maio do 2018

Publicamos as resolucións da xuntanza da Dirección Nacional de Galiza Nova que tivo lugar no día de onte, 19 de maio, na cal analizamos o actual contexto político e trazamos as liñas de actuación de Galiza Nova a nivel nacional nos vindeiros meses.

Protocolo de actuación ante as agresións machistas e lgtbifóbicas de Galiza Nova

Dende o comezo deste período interasemblear un dos obxectivos fixados polas Asembleas de Mulleres e LGTBI foi a da redacción e aprobación dun protocolo de actuación ante as agresións machistas e lgtbifóbicas, que paute específicamente as accións a levar a cabo nestes casos pola organización, tendo en conta a gravidade destas cuestións a nivel disciplinario.

Na xuntanza da Dirección Nacional foi aprobado o borrador sobre o que están a traballar a comisión redactora, nomeada por ambas asembleas, co obxectivo de continuar os traballos de redacción do protocolo de xeito colectivo, así como poñelo en coñecemento da nosa militancia até a súa aprobación definitiva na XV Asemblea Nacional de Galiza Nova.

Este borrador, a pesar de non ser definitivo, será tido en conta pola organización para guiarse nestes casos, e evitar deste xeito situacións que se deron no movemento xuvenil galego nos últimos meses en relación á actuación de determinadas organizacións xuvenís cuxos cadros foron acusados de agresións sexuais, as cales rexeitamos e que traballaremos arreo para que non ocorran en relación á nosa organización e no conxunto da mocidade galega.

En apoio da Folga Xeral na Galiza o 19 de xuño

Analizamos o aumento da mobilización social ao longo dos últimos meses, coas grandes mobilizacións do día internacional da Clase Traballadora e reafirmamos o noso apoio á convocatoria de Folga Xeral na Galiza por parte da Confederación Intersindical Galega para o vindeiro 19 de xuño.

No noso país dáse un dobre diferencial a respeito do resto do estado, e é que ademais de termos máis razóns para saírmos ás rúas pola nosa situación máis precaria a nivel laboral e social, derivada da nosa dependencia colonial, temos un nivel de mobilización maior que na media do estado, amosándonos unha vez máis coma un pobo combativo. Dadas estas circunstancias, a campaña da Folga Xeral é unha ocasión fundamental de presentar unha moción de censura ao réxime español que nos oprime.

É por iso que aprobamos a realización dunha campaña nacional de popularización da data e chamamento a acudir ás mobilizacións convocadas que será presentada nos vindeiros días.

Outras cuestións tratadas na xuntanza

No referente ao movemento estudantil lamentamos as oportunidades perdidas que deixou o curso 2017/2018, no cal a mobilización do estudantado viviu un descenso no seu conxunto debido a múltiples motivos, dende a ausencia de tensión social no ensino tras as grandes mobilizacións e vitorias do ano pasado, ata os propios problemas internos do movemento estudantil. Sinalamos en concreto a oportunidade perdida do 19 de abril, unha xornada de loita que puido ser moito maior se non se partise de imposicións e exclusións á hora de traballar para a convocatoria da mesma, así como a pouca definición das súas reivindicacións.

Analizamos do mesmo xeito as mobilizacións do 8 de marzo e o papel que os medios de comunicación xogaron á hora de facer que estas manifestacións fosen aínda máis masivas do que ían ser. Nun intento por parte do poder de apropiarse da loita das mulleres, tratouse de edulcorar as reivindicacións do feminismo e facelo menos perigoso.

No referente á situación da lingua galega sinalamos a grande ocultación da manifestación nacional do 17 de Maio convocada por Queremos Galego e a hipocrisía da Xunta de Galiza que continúa atribuíndose méritos en defensa do galego mentres segue a aplicar políticas lingüicidas tanto no ensino como nos medios de comunicación.

Leave a Reply

Your email address will not be published.